Fillas de Cassandra, o dúo de viguesas que arrasa: 'Case todo o disco foi composto en viaxes na furgo'

Publicidad

“Quixeron calala e aquí estamos nós, Fillas de Cassandra”. E quen son Fillas de Cassandra? Son Sara Faro (2001) e María Soa (1996), o dúo musical vigués revelación do ano, que nace “dun encontro casual na cidade de Vigo” hai menos de dous anos. "E tamén son todas aquelas que queiran formar parte destas letras", engaden as artistas.

O mesmo día que se coñeceron, nunhas xornadas da plataforma viguesa Feminismo Unitario en 2021 nas que ambas ían actuar por separado, naceu a conexión que despois levaría a creación de Fillas de Cassandra. “María mostroume unha canción que tiña en composición á que lle faltaba un cacho de letra e ofreceume colaborar”, conta Sara. A peza resultante “é un himno para nós e volveremos tocala no concerto de Vigo no Mondo Club este 15 de abril por primeira ou ultima vez, non se sabe”, mófase María. “Compañeira” ou “Puño-corazón” son os títulos que leva esta peza apenas interpretada polo dúo nos seus directos.

Tras ese verán de hai apenas dous anos, Sara e María volven retomar os seus encontros e fan crecer a súa amizade e “ao ver que todo fluía tan ben semana a semana e no momento no que nos ofrecen facer un concerto en conxunto no Auditorio do Concello de Vigo a un mes vista, malia que non tiñamos nin nome nin cancións dixemos que si, ao tolo. Aí foi onde nace Fillas de Cassandra de xeito mais ou menos oficial”, contan, xa que a súa presentación como proxecto foi na Sala Kominsky o 18 de marzo de 2022.

O nome de Fillas de Cassandra nace das inquedanzas de ambas artistas. “Foi un xeito de xuntar o que nos removía ás dúas, Sara foi quen apostou por Cassandra, por todo o que implica o seu mito e eu tiña claro que ser ‘fillas de’ era algo relevante”, explica María. “Escollemos aquel nome sen ser realmente conscientes de toda a información que transmite sobre nós e o proxecto; é como se realmente o nome nos escollera e non ao revés”, matiza Sara.

E tan só un ano despois daquel concerto na sala de Churruca teñen un disco publicado, máis de medio centenar de concertos programados e o premio aRi[t]mar á mellor canción de 2022 en Galicia. Cabe destacar que dos directos realizados conseguiron dous 'sould out': Un na Sala Capitol de Compostela e, en menos de 24 horas, na Mondo Club de Vigo.  “Agora a un ano vista o penso e pónseme a pel de pita, porque nós o viviamos como se o que nos aconteceu e segue a acontecer é normal, pero para nada o é”, expón Sara.

Primeiro verán

E é que dende ese primeiro concerto baixo o nome de Fillas de Cassandra e ata o final de verán fixeron máis de unha decena de concertos. Sen ningún videoclip, nin música nas plataformas, “sen ter que chamar a ninguén para dar un concerto. Quen nos chamaba confiaban na palabra doutra persoa ou do que vían nalgún vídeo mal gravado dos directos”, explican. Pero ese ruxe ruxe fixo que neses primeiros meses actuasen en espazos tan icónicos da xeografía galega como o TerraCeo do Auditorio Mar de Vigo, o Patio da Tola no Courel e no Festival Millo Verde de Redondela, entre outros.

Non foi cousa de sorte, “traballamos moito para ir a todos os concertos que nos pedían, se tiñamos que sacrificar entradas para un festival para ir tocar a algures, aló íamos”, apunta María. “Independentemente do lugar, facíamos o concerto como se fose o da nosa vida, porque o era, e creo que dar tanto de nós fixo que chegase tan lonxe o proxecto”, matiza Sara.

O nove de setembro publican o seu primeiro sinxelo xunto ao videoclip sobre o mito de Antígona. “Durante todo o verán pensamos se publicar algo ou no, porque a xente nos preguntaba moito onde podían escoitarnos, pero acabamos decidindo que o publicáramos tiña que ser algo preciado e moi coidado”. A súa estética audiovisual tan traballada conta coa man do seu indispensable cámara e responsable de edición Santiago Iglesias, “el é os nosos ollos. Ten un pensamento moi rápido e consigue executar algo que igual semella estar pensado dende hai sete meses, pero non”, destacan.

Non chegou a pasar un mes cando fixeron pública a canción que realmente as faría viral e pola cal gañarían o premio aRi[t]mar. ‘Lisístrata (varre, vasoira)’ mestura un retrouso de música tradicional galega “algo que se cantaba na miña casa dende que eu era cativa”, explica María, coa súa visión da comedia homónima de Aristófanes, datada do V a.C, no que muller ateniense encabeza unha folga sexual e de coidados para rematar coa guerra.

Dous meses despois disto, a mediados de decembro do pasado ano, lanzan o seu terceiro e esperado sinxelo ‘As moiras’. Estilos como o tradicional, rap, trap, tecno e electrónica mestúranse nun tema que compoñen “na furgoneta, como a maioría do disco”. Este proceso de creación vai moi acompañado do móbil e de “impulsos polos que nos deixamos levar e traballamos en base a iso”. É así que esta canción remata de fraguarse nunha viaxe de volta a Vigo dende Madrid. “Paramos nun castelo medio derruído en Mota del Marqués (Valladolid) porque á ida o vimos e apeteceunos. Despois de visitar esa localidade tan pequena e as ruínas foi cando conseguimos rematar a canción das moiras”, contan.

Impulsos que se traballan

O disco de ‘Acrópole’ nace a raíz dun impulso traballado. “Non tiñamos en mente facer un disco cando compuxemos o tema de Cassandra ou Lisístrata, pero nun ensaio ocorréuseme que, se este mito nos remove tanto as dúas, seguro que existían outros tantos que tamén o farían e así foi, collemos o móbil e atopamos moitos mitos femininos”, explica María.

Destes mitos naceron os oito apartados que compón este traballo de pequeno formato, con menos de media hora de duración, no que Sara e María reescriben a historia de Antígona, Lisístrata, Pandora, Eco, As Moiras, Dafne, Syrix e Cassandra. “Cando xa sabíamos que queríamos usar esta temática fomos escollendo as historias e acordando o enfoque que queriamos darlles. Por exemplo, en Eco, puidemos resaltar moitos aspectos, pero decidimos destacar a falta de sororidade de Hera ao culpabilizar a Eco por despistala das infidelidades de Zeus”, relatan.

Este enfoque fai que as súas cancións saquen a relucir que estas historias moi antigas aínda estean vixentes. “Cando era cativa e saía de festa existía esa estratexia de semellar ser lesbiana para poder desfacerte dalgún tío pesado que non che deixaba soa, o peor de todo é que iso lles molaba”, indica María. De esta idea bebe a canción das ninfas Dafne e Syrix. “Decidimos xuntalas pola semellanza dos seus mitos e escribir ese tema tranquilo, romántico ou de amizade, cada un como o queira interpretar”, explica María.

Este tema é un dos favoritos do dúo vigués “porque é un dos que máis nos rompeu a cabeza. Ao principio duraba catro minutos que se facían eternos por ser tan lenta, tiña piano e un ritmo con ton. A día de hoxe estamos orgullosas, malia que eu cheguei a loitar por sacalo do disco, de que conseguimos deconstruílo e crear esta canción tan íntima que da un respiro de toda intensidade que ten o disco e o directo”, conta Sara.

Directo teatral

Unha cousa é o disco e outra o directo. “O noso directo é unha proposta de 15 temas que bebe de outras artes como o teatro ou a danza. O público firma o pacto de entrar nunha ficción que vai conectar co seu presente”, conta Sara. “Ao final son mitos, son historias, pero hai un momento de conexión no que ti te pensas como Pandora ou as Moiras e isto ten que ver con ese trato que tamén se fai no teatro. Cando conectas cunha obra é porque aceptas esa parte”. Como se de unha sinfonía ou unha serie se tratase, cada canción son capítulos, “polo que non falamos entre elas e quedan unidas ata un punto onde cortamos, cambiamos de intensidade e reconectamos coa realidade a través doutros temas que non están no disco”, explica María.

Pese a que noutros concertos non contan cos mesmos medios dos que si dispuxeron na Sala Capitol, “queremos que cada bolo teña algo único, algo que nos motive, que o faga especial, porque non queremos facer sempre o mesmo, porque o público non é sempre o mesmo”, detalla María, ao que a súa compañeira matiza “nin nós somos sempre as mesmas. Non somos igual nun día que no anterior ou no seguinte”.

E é por iso que a súa esixencia está presente. “Despois de cada concerto, María sempre fai unha lista de todas as cousas a mellorar que imos traballando despois”. Ao que a nomeada resposta con un “claro, porque canto máis preparadas esteamos antes, máis poderemos desfrutar da música nos directos, non quero ter que preocuparme se vou estar afinada en certo tema ou no”.

Ilusión de primeiras veces

Todos os detalles que contan transmite esa ilusión das primeiras veces. “E que nunca nos pasou nada así e todo o vivimos con moita intensidade”, explican. Unha das anécdotas que relatan con gran ilusión aconteceu na súa cidade, Vigo. Durante a manifestación nocturna do 8M “atopamos a unha rapaza que levaba nunha pancarta a frase de ‘todas somos Cassandra’ e fun correndo a preguntarlle se me podería facer unha foto con ela o cal foi unha loucura porque ela me contestou aínda máis ilusionada se podería facerse unha foto comigo”, conta María.

“Tamén gardamos con moita emoción ver a nenas de 6 ou 7 anos subidas aos ombreiros de seus pais cantando as nosas cancións a todo trapo, pensar que este disco vai ser co que poida crecer é unha loucura”, explican entre as dúas.

Feministas abertas e distendidas cun proxecto que só “pretendía falar dende nós e facer música e que sorpresa tan bonita foi que conectase con tanta xente e tantas realidades que non son a nosa”, conclúen.

Salir de la versión móvil