A primeira rolda de votacións das e dos académicos galegos sitúa aos filmes A sombra da lei e Trote como as producións máis votada entre as 167 que se presentaron aos XVII Premios Mestre Mateo, acaparando 15 candidaturas cada unha. A unha certa distancia sitúanse a serie O sabor das margaridas con 8, a longametraxe Contou Rosalía con 7, e o programa Land Rober Tunai Show e o documental Versogramas con 4 cada unha.
A sombra da lei opta a facerse co galardón á mellor longametraxe, mellor dirección para Dani de la Torre e todas as categorías profesionais ás que optaba -dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e perruquería, montaxe, son, música orixinal e vestiario-. Tamén compiten Michelle Jenner e Luis Tosar pola mellor interpretación protagonista e Adriana Torrebejano e Ernesto Alterio polas de reparto.
Trote, pola súa banda, opta a 15 candidaturas en 13 categorías diferentes. Entre elas atópanse a de mellor longametraxe ou mellor dirección e mellor guión para Xacio Baño, que comparte esta última con Diego Ameixeiras. Alén disto, tamén dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, maquillaxe e perruquería, montaxe, son, vestiario e 5 candidaturas nas interpretativas: reparto para Melania Cruz, Tamara Canosa e Celso Bugallo e protagonistas para María Vázquez e Fede Pérez.
A Academia Galega do Audiovisual anunciou esta mañá, nun acto conducido por Nieves Rodríguez e Adrián Díaz no Centro Ágora da Coruña, os nomes dos proxectos e profesionais finalistas en cada unha das 25 categorías da XVII edición dos Premios Mestre Mateo, que se entregarán o sábado 2 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, nunha gala dirixida pola guionista, actriz e directora Sonia Méndez.
Buscadores de naufraxios, Land Rober Tunai Show, Malo será! e Zig Zag Fin de semana compiten polo premio ao mellor programa de TV, mentres que María Solar, Marta Doviro, Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez fan o propio polo de mellor comunicador e comunicadora. Os Mariachi, Serramoura e Viradeira disputarán o de mellor serie coa xa mencionada O sabor das margaridas. E, entre os documentais presentados, as académicas e académicos elixiron como finalistas Idénticas, O caso Diana Quer 500 días, Tódalas mulleres que coñezo e Versogramas.
https://www.youtube.com/watch?v=QNJ9-W1H72M
A nena azul, Beautiful boy, Limbo e Mouras son as finalistas na categoría de mellor curtametraxe de imaxe real; Fin de la cita, Luscofusco, Peixes e Soy una tumba na de mellor curtametraxe de animación; Comparte a maxia, Donde empieza tu piel, Larseiros e Ti na de mellor anuncio; e Ahora o nunca (Pegatina feat Macaco), El astronauta que vio a Elvis (Love of Lesbian), Eu non sei porqué (Boyanka Kostova) e La gran ola (Delafé) na de mellor videoclip.
A actriz Rosa Álvarez (Sea Bests) compite polo premio á mellor interpretación feminina protagonista coas xa mencionadas María Vázquez (Trote), Melania Cruz (Contou Rosalía) e Michelle Jenner (A sombra da lei). Pola súa banda, enfróntanse na categoría de mellor interpretación masculina protagonista Antonio Durán “Morris” (Os Mariachi), Luis Tosar (A sombra da lei), Toni Salgado (O sabor das margaridas) e Xosé A. Touriñán (Land Rober Tunai Show).
Optan ao premio á mellor interpretación feminina de reparto Adriana Torrebejano (A sombra da lei), Beatriz Serén (Pazo de Familia), Melania Cruz e Tamara Canosa (ambas por Trote); mentres que na categoría de mellor interpretación masculina de reparto compiten Celso Bugallo (Trote), Denis Gómez (O sabor das margaridas), Ernesto Alterio (A sombra da lei) e Fede Pérez (Trote).