A Editorial Galaxia publicará o libro inédito de Domingo Villar, que faleceu repentinamente o mes de maio do ano pasado. A obrá inédita do escritor vigués, "Síbaris", verá a luz o próximo 20 de enero. Trátase dunha obra de teatro que o autor deixou rematada por completo e que entregou á Editorial Galaxia para a súa publicación. "Síbaris" é unha peza dramática protagonizada por un escritor que vén de recibir o Nobel mais que se atopa nun bloqueo creativo dende hai ben de anos.
Co fino sentido do humor que Domingo Villar destilaba, desfilan pola obra as filias e as fobias de moitas escritoras e escritores ao longo da súa carreira literaria e que teñen que ver cos medos, as inseguridades e as paranoias de todos aqueles e aquelas que se dedican a escribir. Trátase dunha reflexión aguda, cómica, ás veces despiadada mais sempre lúcida, arredor da literatura e todo o que a rodea.
Os seguidores do creador do detective Leo Caldas accederán aquí a un Domingo Villar poliédrico que era moito máis que un construtor de tramas policiais como xa quedara demostrado no delicado “Algúns contos completos” que a Editorial Galaxia publicou en 2021 e que tanto éxito de público e crítica alcanzou. Non existen dúbidas de que con esta achega ao mundo do teatro, Domingo Villar seguirá facendo o mesmo que fixo durante a súa corta mais fecunda vida: seducir lectoras e lectores para a literatura galega.