Grande acollida na Berlinale a "Matria", o filme do vigués Álvaro Gago

Publicidad

Matria, a ópera prima de Álvaro Gago, tivo a súa estrea mundial este venres 17 de febreiro na Berlinale, dentro da sección Panorama. Unha sala con máis de 800 espectadores acolleu esta premier, na que o director e a actriz protagonista, María Vázquez, estiveron arroupados polos produtores Dani Froiz (Matriuska), Mireia Graell (Ringo Media), María Zamora (Elástica Fims) e Stefan Schmitz (Avalon PC), xunto con parte do equipo do filme, como Ricardo Saraiva (montador) ou Melania Freire (directora de arte).

"É fantástico poder estar aquí tan arroupado polo equipo, nunha Berlinale con tanta presenza galega, e poder compartir por fin a película co público", expresou Álvaro Gago na presentación. María Vázquez, que viu o filme por primeira vez no momento da estrea, salientou a "enorme emoción e felicidade" de darlle vida a Ramona, a personaxe protagonista. Os dous lembraron na presentación a Francisca Iglesias Bouzón, a muller que inspirou a personaxe de Ramona, que xa fora a actriz protagonista na curta homónima coa que Álvaro Gago gañou o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance de 2018.

María Vázquez (O corpo aberto, Trote, Quen a ferro mata) interpreta a Ramona. Completan o reparto Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real na que se inspira o filme.

Rodada en galego en distintas localizacións do Salnés e de Pontevedra, Matria está producida por Matriuska Producciones, Avalon P.C, Elastica Films, Ringo Media e Felicidad La Película, AIE. Avalon encargarase da distribución nacional, con estrea en cinemas o 24 de marzo, e New Europe Film Sales ocúpase das vendas internacionais. Conta co financiamento do ICAA (Ministerio de Cultura) e de Agadic (Xunta de Galicia), coa participación da Televisión de Galicia, de Movistar e de The Screen, e coa colaboración da Deputación de Pontevedra e mais do Concello de Pontevedra.

Matria formou parte de La Incubadora de ECAM e participou en diferentes laboratorios e programas de desenvolvemento internacionais como C EU Soon do Mia Market (onde obtivo un premio de difusión de Screen International), L'Alternativa Mentoring, Abycine Lanza, Cinemed - From Short to Long, MFI Script Lab 2 Film Workshop, TIFF Academy, Sevilla Co-Production Market, Berlinale Co-Production Market ou D'A Film Lab.

Sinopse

Ramona vive nunha vila de Galicia sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredecible. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar cara a dentro e a pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir.

Salir de la versión móvil