O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu) chega un ano máis á localidade do Morrazo. Este ano desenvolverá a súa 11ª edición sendo un dos eventos máis multitudinarios da vila e que cada vez conta cun lugar máis destacado na axenda do concello.
FECIMO apoia outro ano máis o festival e por cuarto ano organízase a campaña "Bueu ten un comercio de película" para dinamizar o comercio local nesa mesma semana, creando un ambiente de cine coa parte máis visible das empresas asociadas: os seus escaparates.
As empresas participantes colocarán vinilos decorativos en base a elementos cinematográficos e cada unha contará cun personaxe de película que porta dalgún xeito o logo do FICBueu: a ánfora San Martiño exposta no Museo Massó.
Nesta campaña son 35 os comercios da vila os que se uniron a esta iniciativa e que este ano lucirán nos seus escaparates personaxes como a princesa Leia, Forrest Gump, O Padriño, os Gremlins ou Harry Potter, entre outros.
Campaña para os clientes
Ademais da decoración dos escaparates, os clientes poderán participar nesta semana dun sorteo de premios en cheques-compra nos establecementos "de película".
Este ano inclúe a novidade de que a participación faise mediante a introdución dun código na web "compra no morrazo". Así, os clientes recibirán boletos de participación coas súas compras, que logo deberán rexistrar na páxina para saber no mesmo intre se resultaron gañadores. Terán do xoves 6 ao luns 17 ás 12:00 horas para participar. Os gañadores deberán poñerse en contacto con FECIMO para recibir o seu premio no establecemento.