Jorge Coira leva as súas "18 comidas" ao Cineclub Val Miñor Alice Guy

Publicidad

O Auditorio Municipal de Nigrán acolle este xoves, ás 20:30 horas, a proxección da película '18 Comidas' coa presenza do seu director, Jorge Coira, para establecer posteriormente un coloquio co público moderado polo director e escritor Alfonso Castaño. A entrada é de balde ata completar aforo.

Este filme recibiu numerosos premios, sendo seleccionado en máis de 30 festivais internacionais e estreado en salas de máis de 10 países de todo o mundo. Conta seis historias ao longo dun único día. Unha película de formato pouco convencional -con guion pero con diálogos abertos á improvisación-, que viaxa a través de dezaoito comidas -almorzos, xantares e ceas- que nos fan partícipes dalgúns deses momentos que poden cambiar unha vida. Entre os seus actores destacan Luís Tosar, Esperanza Pedreño, Víctor Clavijo, Sergio Peris Mencheta, Juan Carlos Bellido, María Vázquez, Cristina Brondo, Víctor Dupla, Xosé Barato, Pedro Alonso e Milan Tocinovski.

Coira recibiu o Premio Goya á mellor montaxe en 2016 por 'El desconocido', de Dani de la Torre. Este xoves no Cine-club falarase deste galardón, de '18 Comidas', da súa traxectoria profesional e de todo o que se lle queira preguntar. Ademais, ven de estrear a serie 'Hierro', en Movistar+, e #EroskiParaíso no Festival de Cans, adaptación cinematográfica da obra de teatro do Grupo Chévere.

Salir de la versión móvil