José Antonio Marina e a esencia do desexo, eixes dun novo ‘reseñas’

Publicidad

Por que xorde o desexo? Cal é a súa orixe? Como, cando e por que se desexa? Co fin de despexar estas dúbidas, a Biblioteca de Torrecedeira lanza unha nova sesión do seu proxecto reseñas cunha lectura para o mes de setembro suxerida por Carlos Lloréns, estudante do Programa Universitario de Maiores da UVigo: Las arquitecturas del deseo. Una investigación sobre los placeres del espíritu, de José Antonio Marina.

O libro de Marina é o encargado de concluír a edición 20-21 dunha iniciativa que arrancou en 2018 para estimular o uso adecuado dos servizos da Biblioteca Universitaria. A finalidade de reseñas é achegar a comunidade universitaria á lectura, de xeito que cada dous meses lanzan a proposta dun libro, arredor do cal ofrecen libros complementarios, vídeos e diferentes informacións que o persoal da Biblioteca de Torrecedeira colga no seu blog.

O desexo, “un tema de gran transcendencia”

José Antonio Marina, doutor Honoris Causa pola Universitat Politècnica de València, é, segundo a biografía publicada na súa páxina web, “detective privado, especializado en casos de relevancia política, social ou ética”. Demostrando a súa faceta como investigador, no volume Las arquitecturas del deseo, Marina realiza unha reflexión sobre un dos elementos esenciais da personalidade humana e descobre que todas as persoas desexan aquelo que non posúen e atopan no consumo o único camiño cara a consecución dos desexos.

Carlos Lloréns, responsable da recensión de agosto e setembro, sinala que coa súa proposta pretende “sacar á luz un tema de gran transcendencia” e subliña a frase que encabeza a páxina web do autor: “se tomamos decisións sen comprender o que pasa, aceptamos ser manipulados”. Sobre as súas motivacións para elixir o libro de Marina, o alumno do Programa de Maiores explica que a materia de Psicoloxía foi a que lle causou “verdadeiro impacto”, a que non o “deixou indiferente” ao seu paso polo programa. Na súa análise, Lloréns establece unha comparación entre a educación da súa época e a da actualidade, subliñando que hoxe as nenas e nenos están “educados nunha inmediatez que Marina recoñece como unha excesiva potencia do desexo que provoca pulsións irresistibles e bloquea os sistemas de control”.

Recomendacións de bibliográfica psicolóxica e filosófica

Nas recomendacións que ofrece a Biblioteca de Torrecedeira arredor do traballo de José Antonio Marina atópanse textos de carácter filosófico e psicolóxico. Así mesmo, incidindo no obxectivo de instruír no bo uso dos recursos bibliográficos, as bibliotecarias e bibliotecarios aconsellan buscar no catálogo da biblioteca por temática (desexo, necesidade) ou materia (filosofía, socioloxía), e engaden unha serie de recursos electrónicos útiles para a lectura da obra de Marina: a páxina web do autor, o recurso multidisciplinar ÍnDICEsCSIC e as bases de datos APA PsycINFo e Psychology Database.

Peche a un curso de lecturas variadas

O libro aconsellado por Lloréns pon fin a un curso no que o reseñas tivo que adaptarse ás circunstancias sociosanitarias marcadas pola pandemia da covid-19, eliminando as exposicións que os membros da Biblioteca de Torrecedeira adoitan facer arredor das lecturas propostas. Malia estes cambios, a comunidade universitaria tivo a oportunidade de coñecer obras con temáticas tan variadas como os adiantos científicos na Europa do século XVII, os contos tradicionais, a economía e a historia mundial ou o pensamento filosófico. Así mesmo, a programación contou coa participación desinteresada do alumnado, coma no caso de Carlos Lloréns, pero tamén do persoal das bibliotecas e do profesorado da UVigo.

Salir de la versión móvil