Juan de Castro abandona a dirección do festival Primavera do Cine

Publicidad

O responsable do Primavera do Cine abandona a dirección do festival e a presidencia de Reencanto Producións, entidade organizadora do certame. Deste xeito, Juan de Castro e o seu equipo máis próximo tomaron a decisión de non continuar no certame e comezar unha nova andaina profesional con novos proxectos cinematográficos e culturais.

Juan de Castro destaca que entre os motivos do cese “encóntranse tamén diferenzas insalvables do equipo fundador e o desgaste de sacar adiante o festival con máis forza e corazón que medios materiais”. O Primavera do Cine duplicou nas súas últimas edicións os seus espectadores, superando actualmente os 3.000 asistentes. O seu orzamento tamén multiplicouse por 10 nestes anos.

Por todo isto, o xa exdirector do Primavera do Cine nos últimos cinco anos e o seu equipo amósanse “satisfeitos da progresión e de ter celebrado en Vigo o festival de cine máis importante ata a data” confirma De Castro, que desexa un gran futuro ao cine en Vigo e promete traer á cidade e a Galicia máis proxectos culturais de interesa para todas as viguesas, cos valores e principios que adoitan amosar en todas as súas accións. “Temos o convencemento de que todo o traballo feito non é en van e que os profesionais que recollan a nosa herdanza abandeirarán todos os principios do que foi o Primavera do Cine”, comenta Juan de Castro.

O equipo de traballo consolídase agora en Abella Producións, o cal acaba de realizar e producir a terceira edición do Festival Internacional de Cinema Infantil de Ames. Tamén vai participar como xestor da próxima edición do festival multidisciplinar e sustentable The Wild. Ademais, Juan de Castro afirma que “continuaremos desenvolvendo o Galician Freaky Film Festival, un certame que cada ano segue medrando e que celebrará unha nova edición neste 2020”. Doutra banda, esta nova entidade tamén ten en carteira tres proxectos cinematográficos relacionados co cinema e o Camiño de Santiago para conmemorar o próximo Xacobeo 2021.

Salir de la versión móvil