A literatura de Domingo Villar preside o porto pesqueiro vigués

José Enrique Pereira, Ana Pereira, Ruy Andrade e Domingo Villar presentan a campaña

Publicidad

“De igual maneira que unha ponte atravesaba Beiramar para transportar o xeo aos barcos, este valo é unha ponte entre o arte da pesca e o da literatura”- Así anunciaba esta maña Ruy Andrade, responsable de comunicación de Pereira, a estrea do novo valo que a compañía instalou na súa sede de Beiramar cun fragmento literario. A iniciativa, que este ano cumpre oito edicións, conta desta vez coas verbas do recoñecido escritor vigués Domingo Villar.

A frase escollida pode atoparse nas páxinas de “A praia dos afogados” o segundo best-seller de Domingo Villar. “O tempo, o sol e o mar engurraran o rostro do mariñeiro e cuartearan a súa pel como terra seca” pode lerse xa na beiramar viguesa, fronte aos buques que cargados de mariñeiros marchan na conquista do océano cada marea.

A literatura abrazouse ao mar na novela de Villar e o mar abrázase a literatura na campaña de Pereira. O acto de presentación tivo lugar a bordo do barco Puente Sabarís, que o 9 de xaneiro partirá cara Terra Nova, en Canadá, a faenar nos seus caladoiros. O escritor vigués quixo resaltar que “cando eramos rapaces todos tiñamos algo en común: algún familiar na emigración e algún familiar que traballaba na mar” polo que salientou a importancia de render homenaxe a eses homes do mar que procuran a “folganza para esta terra”.

Valo instalado na nave de Pereira fronte ao porto pesqueiro

O valo instalado pola pesqueira homenaxea tamén aos seus mariñeiros tomando como imaxe do falecido Alfonso Silva Costas, “Alfonso de Panxón”, mariñeiro que faenou media vida no caladoiro de Terra Nova nun barco de madeira e cunha tecnoloxía moi precaria.

A campaña busca que “condutores e peóns que transitan diariamente por Beiramar, ao ler a frase elixida, poidan reflexionar sobre a relación de Vigo e o mar”, explican dende a empresa.

Salir de la versión móvil