O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu segue sumando destacados artistas ás actividades que complementarán as proxeccións do certame. Deste xeito, reeditarase o espectáculo ‘Debuxando coa luz’, nesta ocasión cos ilustradores Luis Davila e Marc Taeger creando ao son do jazz de Fuzzo, e a programación incluirá tamén un dos poucos monólogos que Carlos Blanco ofrecerá este ano en solitario.
Davila e Taeger encherán de luz e cor o auditorio do Centro Social do Mar o sábado 8 de setembro, a partir das 23 horas, acompañados pola música en directo de Fuzzo, formación que reúne a tres estrelas da escena jazzística galega amantes da improvisación, como son Virxilio da Silva, Xan Campos e Chus Pazos. ‘Debuxando coa luz’ convértese así nunha espectacular proposta artística de carácter multisensorial ambientada no mundo do cinema, onde o público viaxará a través de distintos xéneros fílmicos mergullándose nunha perfecta conxunción entre a música experimental e a proxección dos orixinais debuxos elaborados en tempo real. Unha experiencia única que porá en cuestión os límites da creatividade.
O humorista e actor Carlos Blanco, vello amigo do FICBUEU, ofrecerá o domingo 9 de setembro, ás 22 horas, unha das escasas actuacións en solitario que realizará este ano. No entanto, o monologuista non estará realmente só, xa que vai contar coa complicidade da comparsa bueuesa Vou nun Bou, da que forma parte hai algún tempo. Logo de dous espectáculos realizados con Luis Davila e tras xirar con Xosé Touriñán coa proposta ‘Somos criminais’, está por ver se no Centro Social do Mar falará dos kiwis, de Galizara, de Bueu, da dobraxe porno en Galicia ou da serie ‘Fariña’, éxito de audiencia que vén de coprotagonizar.
As entradas para ambos os dous espectáculos están xa á venda en na web do festival a un prezo de 5 euros ‘Debuxando coa luz’ e de 10 euros no caso do monólogo de Carlos Blanco. Complétase así a oferta de actividades con entrada, que inclúe tamén o concerto de Xoel López, o programa radiofónico Carne cruda e mais o show ao vivo ‘De Galicia a Hollywood’, mentres que o resto de propostas paralelas serán de acceso gratuíto. Na web poden adquirirse asemade as entradas e abonos para as proxeccións das seccións competitivas do FICBUEU, que se desenvolverá entre o 7 e o 15 de setembro.