Luísa Villalta será a homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024

Publicidad

O pleno da Real Academia Galega acordou hoxe, na xuntanza ordinaria celebrada no pazo de María Pita, dedicarlle o Día das Letras Galegas 2023 a Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), cadrando co vixésimo aniversario do seu pasamento. Creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90, o seu 17 de maio será unha ocasión excepcional par reivindicala en toda a súa amplitude como a intelectual que foi. Villalta é unha escritora para facernos pensar o mundo contemporáneo a través dunha obra marcada polo pensamento apaixonado, a procura do rigor e tamén a exploración estilística. O cruzamento entre a poesía e a música é outro dos trazos definitorios dunha autora recoñecida sobre todo como poeta, pero que tamén cultivou con talento o teatro, a narrativa de ficción, o ensaio, o articulismo e a tradución.

Todos eses perfís serán motivo de atención o ano que vén arredor dunha celebración que permitirá actualizar e ler a súa figura á luz de novos marcos de análise, e tamén ao abrigo dos afectos que a súa personalidade segue a xerar.

Luísa Villalta é unha intelectual. A lóxica, a razón, o pensamento configuran o humus no que enraíza un dos trazos máis significativos da súa voz. Unha poeta do pensamento, en palabras de Pilar Pallarés [poeta da mesma xeración], que empregaba a poesía para pensar o mundo contemporáneo, como ten subliñado Arturo Casas”, expón o texto da proposta sometida a votación este mediodía. “Os acentos da súa voz, os focos da súa obra, o alento da súa escrita fan dela unha autora que sorprende na singularidade e pon de relevo, unha vez máis e fóra de estereotipos, a amplitude do campo literario que se estende en trazos de autoras únicas”, prosegue o texto.

Dende a publicación da obra teatral Concerto para un home só (1989) nos Cadernos da Escola Dramática Galega ata o seu pasamento no ano 2004 -pouco despois de que fose premiado o seu poemario En concreto-, Villalta publicou máis de quince volumes: dende outras catro obras teatrais e o ensaio sobre o don Hamlet de Cunqueiro (1992) ata As chaves do tempo (2001), a súa última novela, e numerosos artigos de carácter xornalístico, alén doutros moitos textos diseminados por publicacións colectivas.

A poeta da Cidade Alta

Luísa Villalta naceu o 15 de xullo de 1957 na rúa Vila de Laxe da cidade da Coruña, espazo vital fundamental que deixaría unha fonda pegada na súa obra. Estudou a EXB no desaparecido colexio das Xosefinas, na rúa de Juan Flórez, e cursou a secundaria no Instituto Eusebio da Guarda. Titulada superior en violín, formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia, pero escolleu dedicarse ao ensino tras se licenciar pola Universidade de Santiago de Compostela na daquela Subsección de Galego-Portugués e, posteriormente, en Hispánicas.

En 1988 aprobou as oposicións de docente de Lingua e Literatura Galegas. Impartiu clases nos institutos Xosé Neira Vilas (Oleiros) e de Canido (Ferrol) antes de se incorporar definitivamente ao Isaac Díaz Pardo (Sada), onde promoveu unha intensa actividade cultural. Villalta compaxinaría en diante este labor profesional coa andaina literaria.

A poesía é o xénero que maior proxección lle reportou. Nela atopou a linguaxe por excelencia para a autoconsciencia, e a través dela indagou decote sobre o sentido da palabra literaria e do seu vínculo coa música. O título do seu primeiro poemario, Música reservada (Ediciós do Castro, 1991) visibiliza xa ese cruzamento entre dúas formas de expresión que a acompañaron sempre. Catro anos despois chegaría Ruído (Espiral Maior, 1995), en estreita conexión co volume co que debutou como poeta e a súa confirmación como autora de referencia das letras galegas do momento. Tamén en 1995 saíu do prelo Rota ao interior do ollo, unha plaquette con cinco poemas editada para a presentación do selo portugués Edições Tema, no que posteriormente publicarían outros autores e autoras de Galicia.

En concreto é o último poemario que deixou listo en vida. O libro foi recoñecido en xaneiro de 2004 co XII Premio de Poesía Espiral Maior. O xurado destacou o seu carácter expresionista, o pensamento crítico maduro e o equilibrio estilístico entre o conceptual e o visionario. Villalta tiña previsto presentalo en agosto, na feira do libro da Coruña, pero non puido facelo. Na madrugada do 5 ao 6 de marzo falecía por mor dunha meninxite fulminante na mesma casa onde nacera, na Cidade Alta dos seus versos.

A Coruña é tamén protagonista de Papagaio (Laoivento, 2006). O poemario que leva o nome do que foi tradicionalmente o barrio dedicado á prostitución foi publicado dous anos despois do pasamento de Villalta, quen atendera a proposta de colaboración da fotógrafa Maribel Longueira. Nestas páxinas as imaxes de Longueira que dan conta do proceso de demolición das antigas edificacións dialogan cos versos de Villalta, tecidos para lles devolver a dignidade ás mulleres que as habitaron e denunciar a especulación urbanística á que foi sometido este espazo urbano.

A obra poética de Luísa Villalta editada complétase con As palabras ingrávidas (Centro Ramón Piñeiro, 2020), unha edición facsimilar do poemario en construción que estaba a plasmar nas páxinas dun calendario poético do ano 2004 da casa lusa Assírio & Alvim. A creadora deixou escrito un poema na folla de cada día, en diálogo cos textos impresos nelas, dende o 1 de xaneiro ata o 26 de febreiro, só unha semana antes do seu pasamento. A edición póstuma correu a cargo de Armando Requeixo, responsable tamén de Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2003) (Galaxia, 2023).

Do teatro e a narrativa ao ensaio

Alén da poesía, Luísa Villalta cultivou con asiduidade a literatura dramática. O seu debut como autora publicada foi, de feito, como dramaturga. Tras Concerto para un home só (1989), tamén nos Cadernos da Escola Dramática Galega, viron a luz O representante, en 1990, e O paseo das esfinxes, en 1991. Como escritora teatral publicou ademais As certezas de Ofelia (Casa Hamlet, Deputación da Coruña, 1999) e Os doces anos da guerra (Revista Galega de Teatro, 2001). Ao mundo dos escenario legou así mesmo a súa tradución do Manifesto por un novo teatro (1994) de Pier Paolo Pasolini e mais A mandrágora (1998) de Maquiavelo, en colaboración esta última con Francisco Pillado Maior.

A protagonista do Día das Letras Galegas 2024 é ademais autora dunha obra narrativa de carácter exploratorio, acaso ensombrecida polo recoñecemento que obtivo como poeta. Tras ser distinguida en 1990 co Premio Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo polo relato “A taberna do holandés”, saíu do prelo Siléncio, ensaiamos (Vía Láctea, 1991), once historias nas que a música, coma tantas veces na súa obra, ten unha significación central. En Teoría de xogos (Laiovento, 1997) Villalta constrúe unha alegoría sobre a vida como xogo e n’As chaves do tempo (A Nosa Terra, 2001) desenvolve unha narración baseada na temática artúrica chea de simbolismo e dobres lecturas.

Como ensaísta, cómpre destacar O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (Laiovento, 1992) e O outro lado da música, a poesía: relación entre ambas partes na historia da literatura galega, editado en 1999 por A Nosa Terra e levado de novo ao prelo en 2021 por Galaxia. O de Villalta, quen se achegou en distintas ocasión á obra cunqueiriana, é o primeiro traballo das letras galegas que abordou monograficamente a adaptación do mindoniense da traxedia de Shakespeare. Canto O outro lado da música, a poesía, a autora ofrece unha relectura das letras galegas dende a súa relación coa música do medievo aos tempos das Irmandades da Fala.

Unha escritora que opina

Non hai que esquecer ademais que Luísa Villalta foi unha escritora que opina. Colaborou, entre outras cabeceiras, con Man Común, Festa da palabra silenciada, Luzes de Galicia e A trabe de Ouro, e mantivo unha colaboración periódica co semanario A Nosa Terra recompilada en Libro das colunas (A Nosa Terra, 2005). No artigo xornalístico formulou un campo para o debate enfiando humor, ironía e unha clara vontade de intervención para estimular unha reflexión crítica. As súas Letras Galegas serán tamén unha boa ocasión para revisar o frutífero diálogo entre literatura e xornalismo na nosa historia literaria que, acaso coa introdución da variable do xénero, dea lugar a novas lecturas.

Salir de la versión móvil