Marea de Vigo acusa ao Concello de promover o traballo gratuíto dos artistas con "ConfinArte"

Publicidad

Pretenden que creadores e creadoras locais produzan de xeito gratuíto e lle entreguen o seu traballo non remunerado ao Concello de Vigo”. Con estas verbas define Marea de Vigo o proxecto de ConfinArte, presentado ao comezo do estado de alarma e co que o Concello buscaba que os artistas locais subiran as súas creacións en vídeo á web municipal.

“A xenerosidade das e dos profesionais de ningunha maneira pode implicar que as políticas dos poderes públicos consistan en promover o traballo non remunerado”, explica a explica a concelleira de Marea de Vigo, Oriana Mendez. Coa iniciativa “ConfinArte”, segundo a Marea de Vigo, “o Concello de Vigo di promover a cultura online, pero o que fai é fomentar e normalizar a idea de que as creadoras e os creadores viven do aire e de que as producións culturais locais carecen do valor suficiente para seren remuneradas”. “Ao mesmo tempo, esta iniciativa desvela con claridade meridiana o que levamos vendo xa dende hai tempo: o actual Goberno local carece dun compromiso sólido e serio cos e coas traballadoras culturais”, aseguran.

Desde a Marea de Vigo, ínstase ao Goberno local a que rectifique nesta política cultural e poñen como exemplo unha iniciativa similar que foi implementada en Valencia, orzamentada con 100.000 euros para 100 iniciativas de 1000 euros, “xeito que estaría máis preto da suposta vontade de querer colaborar coa recuperación económica dos centos de artistas locais cos que contamos na nosa cidade”.

Así, piden que ou se suprima por completo a iniciativa “ConfinArte”, “por resultar altamente perniciosa para os e as traballadoras do sector”, ou se reformule, dotándoa economicamente, poñendo en valor o carácter innovador e a capacidade de experimentación das propostas.

Salir de la versión móvil