A rodaxe do novo filme de Ignacio Vilar, María Solinha, chega esta semana a Redondela logo de gravar en Vigo e Cangas. O equipo, composto por medio cento de persoas, transformará as rúas en platós cinematográficos.
A gravación comezou en Cesantes, no bar Tranquilo. A xornada continuará o martes 27 na lonxa no Cemiterio dos Eidos, o xoves en San Simón e na praia da Punta e, finalmente, o venres 30 de agosto acudirán á casa do pintor Ángel Barros e rematarán no casco vello de Redondela.
O Concello de Redondela, que é unha das entidades colaboradoras nesta gravación, apunta a importancia que teñen estes días para a vila. “Poder levar á gran pantalla as paisaxes da enseada ou o baile das espadas é unha oportunidade para a promoción da nosa cultura e turismo”, apunta Digna Rivas, alcaldesa
de Redondela. Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, chama á participación e colaboración cidadá pois “Redondela será un dos espazos protagonistas da película de Ignacio Vilar, na cal a lenda da coca é un dos fíos condutores do guión”.