A Deputación de Pontevedra consolida o seu apoio á película “María Solinha”, o novo filme do cineasta Ignacio Vilar que se gravará integramente na provincia. “Esta película vai marcar a historia do cine en Galicia”, destacou Carmela Silva. “Vai falar de María Soliña, nin máis nin menos. Unha desas mulleres ocultadas, silenciadas. Un bo exemplo do que nós temos padecido ao longo da historia. A persecución por querer ser libres, dirixir e tomar decisións sobre o noso patrimonio, por ser sabias, por querer ocupar o espazo que nos corresponde”, explicou a presidenta da institución provincial.
O director do filme, Ignacio Vilar, non quixo avanzar moitos detalles sobre o argumento da película, aínda que avanzou que na película “a María Solinha do século XVI e a do século XXI foron atacadas polo mesmo dragón”. Con dita afirmación, o cineasta explicou que a obra recorre á lenda sobre a que se celebra a Festa da Coca, que conta como un dragón que secuestraba mulleres para violalas foi finalmente derrotado polos mariñeiros da contorna. Tamén quixo informar de que a rodaxe comezará o 19 de agosto e está previsto que remate o 20 de setembro. Así mesmo, avanzou que enclaves de Cangas, Redondela e da Illa de Toralla serán os escenarios que se poderán ver na película.
Vilar tamén aproveitou o acto para presentar á actriz protagonista e aos actores principais. Grial Montes, que representará a Soliña, quixo agradecer a oportunidade de poder interpretar “a unha muller que permaneceu oculta e da que non se coñece a súa historia”, ao tempo que fixo un chamamento para dignificar a arte dramática. O seu marido, Pedro Barba, será interpretado por Santi Prego, que tamén quixo enxalzar a capacidade de inmersión cultural coa que conta este filme. Morris, que fará do inquisidor xeral, mostrouse “encantado de presentar a película en Pontevedra porque Galicia non só ten posibilidades, senón que conta con lugares incribles”. Por outra banda, a produtora de Vía Láctea Films, Eva Rivas, tamén quixo agradecer a acollida que a Deputación de Pontevedra “deu a este proxecto posto que, a partir de aí, saltamos a buscar o resto do financiamento”.
No acto, Carmela Silva quixo recordar que “á Deputación de Pontevedra participa neste proxecto porque apoia a nosa lingua e apoia o cine en galego. Ademais, a nivel económico xera moitísimo emprego e atrae turistas”. A presidenta aproveitou para salientar que “co apoio a estas iniciativas promovemos que a xente da provincia que se dedica ao cine teña a posibilidade de facelo e facelo aquí. É unha forma de espallar todo ese talento que temos”. A ese respecto, Silva dedicoulle unhas palabras ao director Ignacio Vilar, dicindo que “é un pracer e un orgullo que haxa xente coma el e coma todo este equipo que o acompaña”.
Pola súa banda, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, tamén quixo agradecer a Vilar “o seu compromiso coa lingua galega nos seus filmes, no que é un mestre en Galicia”. “Isto fai que o seu cine, feito en galego, estea presente en moitos festivais por todo o mundo. Así, Vilar leva a lingua ao cine, que é unha inmersión lingüística perfecta”.