"Meu amigo Lorenzo" e "10 de marzo", gañadoras do Festival Primavera do Cine de Vigo

Publicidad

"Meu amigo Lorenzo" e "10 de marzo", premiadas no Primavera do Cine. O pasado domingo 10 de setembro, o Auditorio Municipal do Concello de Vigo acolleu a gala de clausura da XII edición do Festival Primavera do Cine, onde foron entregados os diversos premios aos filmes que participaron na sección oficial.

O premio do público á mellor longametraxe recaeu no filme de nacionalidade brasileira "Meu amigo Lorenzo", dirixido polo veterano André Luiz Oliveira. O cineasta é todo un icono do cinema marxinal brasileiro desde finais dos anos sesenta, etiqueta que acadou a partir da difusión do seu filme "Meteorango kid, o heroi intergaláctico" (1969). A súa traxectoria está composta por numerosos filmes de prestixio como "A lenda de Ubirajara" (1974) e "Louco por cinema" (1994).

"A miña carreira no cinema é longa. Teño varias longametraxes, curtas... pero "Meu amigo Lorenzo" é un filme especial e por iso tiña que verse nun festival especial, con características especiais", apuntou Luiz Oliveira.

O xurado, composto por Franco Tedesco, cineasta, Migual Alejos, presidente do Cineclub Valmiñor Alice Guy e Carmen Díaz, programadora especializada en medios de comunicación, decidiu premiar o filme documental "10 de marzo", dirixido por Roi Cagiao. "Un filme necesario nos tempos actuais pola temática que aborda, por realizar unha lectura precisa e comprometida da historia política recente de Galicia, a través dunha narración dinámica e acadando unha sobriedade emotiva", indicou o xurado.

O xurado decidiu entregar tamén unha Mención Especial ao filme "Liña de fuga", dirixido por Marta Blanco, “por elaborar un discurso arriscado que mantén o equilibrio entre as diversas áreas cinematográficas: montaxe, son, planificación, música... que contribúen a desenvolver un discurso intimista, acompañado dunha mirada crítica e feminista acerca da realidade”.

Os premios do público á mellor curtametraxe repartíronse entre os filmes de produción galega e os de produción de países da lusofonía. Así, o premio do público á mellor curtametraxe galega recaeu en "Antes de que se poña o sol", dirixida por Nani Matos. "A curtametraxe fala sobre os conflitos familiares e as difíciles decisións que, ás veces, é necesario tomar", explicou o director, mentres que a organización do festival aseguraba que é “unha ficción sustentada na solidez do guión e na dirección de actores”.

O premio do público á mellor curtametraxe lusófona foi a parar a outra produción brasileira, "Pedro e Inácio", dirixida por Caio Dornelas, un documental de corte político e combativo que aborda as loitas camponesas polo dereito á terra nunha pequena comunidade do Brasil.

A gala de clausura contou tamén coa actuación musical a cargo do intérprete e compositor vigués Oswaldo Oro, artista de referencia internacional pola súa traxectoria ao longo dos últimos anos. Ademais, a curtametraxe "Carmen", foi presentada polo seu propio director, Fernando Cornide. Nesta ópera prima, Cornide aborda o fenómeno da despoboación do rural en Galicia cunha mirada intimista á vez que comprometida.

A gala foi conducida polo director do festival, Alfonso Castaño, quen destacou como puntos fortes da presente edición “a variedade da programación, a cantidade de filmes que foron estrea, a aposta polos novos realizadores e a ampla presenza de mulleres directoras".

Salir de la versión móvil