Moaña crea un certame de poesía improvisada para impulsar o galego a xente nova

Publicidad

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Moaña leva varios anos organizando actividades de poesía improvisada. Esta forma tradicional de improvisación en verso é un interesante recurso para fomentar a oralidade en lingua galega entre a xente nova, espertando a súa creatividade e mellorando a competencia lingüística e musical.

Desde 2017 organízase co alumnado de 2º ESO de todos os centros educativos do Morrazo un Certame Comarcal (en colaboración cos concellos de Bueu e Cangas e os centros) no que durante unha mañá centos de rapaces compiten no Auditorio de Cangas pola mellor rima. Ademais, o Concello de Moaña organizou en 2019 un curso de formación para o profesorado no que se puxo en valor o importante recurso didáctico que supón a actividade de improvisación na aula.

Este curso 2020/21 o Concello de Moaña proponse dar un paso máis e crear o Certame Moañés de Poesía Improvisada dirixido a alumnado do 5º e 6º de primaria dos colexios de Moaña. A idea do Certame naceu na reunión anual de coordinación entre a Concellería de Normalización Lingüística e as persoas Coordinadoras dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega de todos os centros que tivo lugar o pasado mes de outubro de 2020.

Coa colaboración dos 7 CEIP de Moaña (Domaio, A Guía, Reibón, Seara, Quintela, Abelendo, Tirán) o Concello organiza 10 obradoiros de regueifa, un en cada grupo de 5º ou 6º, impartidos polos coñecidos regueifeiros Luís “O Carucho”, Pinto d’Herbón e Lupe Blanco que Terán lugar entre o luns 25 de xaneiro e o luns 8 de febreiro.

Despois, cada aula grava e envía vídeos do seu alumnado regueifando, dos que serán seleccionados 2 vídeos por aula para a fase final. Dada a situación derivada da Covid-19, esta fase será telemática. Os vídeos finalistas publicaranse nun apartado específico da Caranvexo TV, a televisión escolar de Moaña e o día 9 de marzo coñeceremos o vídeo gañador, decidido por un xurado formado por diversas persoas con experiencia e coñecementos no eido da regueifa, da música ou da lingua.

O premio será un roscón, tamén chamado regueifa, para todo o alumnado da aula gañadora. Esta actividade desenvólvese no marco da campaña “Moaña: 21 días en galego” na que, de forma voluntaria, o alumnado se compromete ao reto de usar a nosa lingua as 24 horas do día durante 21 días, entre o 25 de xaneiro e o 14 de febrerio.

Salir de la versión móvil