Netflix dobrará e subtitulará ao galego parte do seu catálogo de series e películas este 2022

Publicidad

Netflix impulsará a presenza do galego, o catalán e o eúscaro no seu catálogo en 2022, ao subtitular unha selección de series e películas internacionais xunto coa dobraxe de varios títulos infantís e familiares.

Os títulos publicaranse de forma paulatina a medida que estean dispoñibles no servizo, de maneira que a selección deste ano estará no catálogo de forma completa a finais de 2022. Así, nos próximos meses e ata finais de ano, irase incorporando á plataforma unha selección que inclúe preto de 70 títulos en galego, catalán e eúscaro.  Netflix asegura que incluirá títulos novos cada ano.

Segundo fontes da compañía estadounidense, a obra audiovisual que se engadirá ao longo de 2022 representa unhas 600 horas de películas e series internacionais subtituladas, e unhas 60 horas de contido para o público infantil e familiar dobradas nas tres linguas (un total dunhas 200 horas de subtítulos e unhas 20 horas de dobraxe en cada idioma).

Desta forma, os subscritores de  Netflix en 190 países poderán acceder a series e películas en catalán, galego e eúscaro como 'Emily en París' ou próximas estreas, como 'The Mother', 'Garra', 'Sandman' e 'Pinocho', de Guillermo del Toro.

"Seguimos esforzándonos por levar as mellores historias a todo o mundo. Este é un paso máis que estamos a dar para fomentar a presenza do catalán, o galego e o eúscaro no noso servizo. Aumentaremos o número de series e películas internacionais subtituladas a estas linguas, ademais da dobraxe de varios títulos infantís e familiares, para que os nosos subscritores poidan gozalos en 190 países. Esta selección estará dispoñible ao longo de 2022 e seguirá crecendo durante os próximos anos", explicou un portavoz de  Netflix.

Salir de la versión móvil