Editorial Xerais tamén volta ao cole. Este retorno na súa rutina leva consigo as habituais novidades de cada mes. Nesta ocasión, hai unha sorpresa. Un golpe á nostalxia dos amantes do rock en galego. O xornalista Antonio Díaz Ageitos publica "Heredeiros da Crus: Cuadrilla de Pepa a Loba". O libro é un percorrido polos 25 anos dunha banda que marcou a historia da música galega a varias xeracións, incluso as máis novas que poderon descubrir o grupo a través das cancións do Xabarín Club.
A publicación sobre estes 25 anos de Hereidos da Crus chega este xoves ás librarías. A presentación da publicación será o vindeiro sábado 22 de setembro en Sonar, en Santiago de Compostela, ás 22:00 horas. Dende a propia banda propoñen aos fans da banda galega tres pasos moi sinxelos. "Merca o libro, 'resibe' a túa entrada e recolle o libro na festa e lévao asinado para casa".
O libro leva ao lector a Ordes, A Coruña, no mes de marzo de 2012. Na vila hai un especial rebumbio. É un lugar tradicional de marcha nocturna, pero ese día non é unha xornada calquera e o extraordinario movemento de persoas dá conta diso. Todas veñen cantando as mesas cancións e no ambiente nótanse excitación e nervios. É unha peculiar peregrinaxe á que están convocadas dende hai meses. Nas redes sociais estendeuse unha mensaxe críptica a ollos profanos, pero evidente para os iniciados: "Volven os máis jrandes". Un J que despexaba calquera dúbida. Oito anos antes, Heredeiros da Crus anunciaran a súa separación. Atrás, trece anos de historia, oito discos e centos de concertos de tolemia, escándalos, diversión e moito rock'n'roll. Unha lexión de seguidores de toda Galicia quedaba orfa. O tempo pasou e, nas redes sociais, paseniñamente, medrou unha idea lanzada ao aire á que cada vez se uniu máis xente. "Queremos que volvan os Heredeiros da Crus". Esta obra editada por Xerais é a crónica de como o soño entolecido dun mariñeiro unha noite de marea rematou converténdose nun capítulo fundamental da historia do rock feito en Galicia. Unha viaxe que empeza a bordo dun pequeno pesqueiro, pasa por un galiñeiro e remata compartida en escenarios por milleiros de persoas.
Antonio Díaz Ageitos (Ribeira, 1975) é o autor deste libro sobre os 25 anos de Heredeiros da Crus. É licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Traballa nos Servizos Informativos da Televisión de Galicia, onde entrou de bolseiro en 1996. Dirixe dende o ano 2001 o programa "A Revista Fin de Semana", con pausa entre 2002 e 2004 para ser correspondente en Nova York. Agora saca o seu primeiro libro, unha publicación que ten como protagonista a unha das bandas de rock máis importantes da historia de Galicia.