O Ano Francisco Fernández del Riego arrinca este sábado coa celebración do seu 110 aniversario

Publicidad

“Trouxéronme ao mundo dos vivos un 7 de xaneiro do 1913. Xusto cando ían de retirada os Reis Magos”, conta Francisco Fernández del Riego en Camiño andado, as memorias que publicou no ano 2003, xa con 90 anos ás costas. Don Paco rememora nestas páxinas autobiográficas a vida tranquila da infancia en Vilanova, no concello lugués de Lourenzá. Este sábado, a retirada dos reis de Oriente no lugar que viu nacer o protagonista do Día das Letras Galegas 2023 dará paso á apertura do ano dedicado ao fillo ilustre. O cativo que alternaba a lectura cos baños no Pozo da Ola e outros xogos cos rapaces da vila sería co tempo “unha das grandes figuras da resistencia e a revitalización cultural do galeguismo despois da guerra civil”, resume o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, na tribuna de presentación da sección da páxina web da institución dedicada a Del Riego.

A través da súa vida, “este ano 2023 ofrécenos a oportunidade de visitar feitos moi significativos da cultura e da historia do galeguismo do século XX, con proxeccións cara ao século XXI”. “Haberá que organizar e sistematizar con xeito a información dunha figura tan rica e tan lonxeva (97 anos), pensando sobre todo nas novas xeracións”, reflexiona.

Víctor F. Freixanes pronunciará este 7 de xaneiro o discurso da inauguración do Ano Francisco Fernández del Riego, unha cita organizada pola Mesa Coordinadora don Paco e o propio Concello de Lourenzá. Será no salón de actos municipal (17:00 horas), onde deseguido se presentarán a exposición 110 anos de Del Riego e un calendario biográfico. A festa continuará a partir das 18:00 horas no multiusos Ponte de Cuñas cun concerto de música antiga de Grupo 1500 e coa actuación do grupo da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez.

A celebración vén precedida da apertura da sección de academia.gal dedicada a Francisco Fernández del Riego. O académico Ramón Nicolás asina neste espazo o percorrido pola biografía dun home que “traballou incansablemente polo noso país” e que “desempeñou un papel clave na vinculación do universo do exilio franquista e a Galicia do interior”.

A de don Paco foi “unha vida dedicada enteiramente ao seu país”, coincide o presidente da RAG. “Cofundador da editorial Galaxia e doutras moitas iniciativas a prol da recuperación da lingua e a identidade de Galicia”, foi, enumera Víctor F. Freixanes, editor, publicista, antólogo, memorialista, ensaísta, viaxeiro, narrador de ficcións, autor dunha inxente correspondencia coas personalidades máis sobranceiras da cultura galega do seu tempo, político cando puido selo, editorialista, orador brillante, crítico literario, xestor de empresas culturais…

A “invención” do Día das Letras Galegas

Pero entre as moitas iniciativas que marcaron un novo tempo da man de Fernández del Riego, “sobrancea de xeito especial a invención do Día das Letras Galegas”, subliña Víctor F. Freixanes. Foi unha das primeiras propostas que Del Riego realizou como membro de número da RAG. “Ano tras ano víñase conmemorando en todo o territorio do Estado, cada 23 de abril, a data do pasamento de Cervantes coa nominación do Día do Libro. Ideárase para exaltar en festividade o libro escrito en idioma castelán. Parecíame que, tendo Galicia unha literatura e unha lingua de seu, sería conveniente que contase cunha festa simbólica semellante. Unha festa cultural consagrada especialmente á rememoranza exaltatoria e difusora das letras na nosa fala”, explica Del Riego nas súas memorias. Metido na procura dunha data significativa, deu co 17 de maio, día no que Rosalía lle dedicou a Fernán Caballero Cantares gallegos, xusto no ano en que se celebraba o centenario do poemario.

A autora fundacional das letras galegas contemporáneas foi así en 1963 primeira protagonista do Día das Letras Galegas. A data que comezou tendo carácter académico a día de hoxe é xa a “festa grande da nosa cultura”, celébrase dentro e fóra do país e prolóngase durante de todo o ano, valora Víctor F. Freixanes.

De Primavera das Letras e unha serie web ao epistolario con Otero Pedrayo

A propia Real Academia Galega estende a súa programación alén do mes de maio. Unha das primeiras iniciativas que presentará no marco do Ano Fernández del Riego volverá ter Lourenzá como escenario. Alí presentarase a nova edición de Primavera das Letras, a páxina web da RAG dirixida ao público infantil. Desta volta as encargadas de lles contar a vida do homenaxeado aos nenos e nenas serán a escritora Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo.

Tamén na Rede, entre outros contidos, a RAG ofrecerá, como vén facendo dende o Ano Xela Arias (2021), unha serie documental web sobre o autor do vindeiro 17 de maio, dirixida pola produtora Miramemira.

Outro proxecto destacado é a edición das cartas que intercambiaron Francisco Fernández del Riego e o seu amigo Ramón Otero Pedrayo, unha edición a cargo da investigadora Patricia Arias Chachero con limiar do académico Xesús Alonso Montero.

Xa en outono, a Academia celebrará o Simposio Francisco Fernández del Riego, que congregará distintas voces especialistas para ofrecer novas olladas ao legado do homenaxeado. Todas as iniciativas da RAG arredor de don Paco serán divulgadas a través da sección de academia.gal dedicada á súa figura, na que tamén se dará conta de proxectos doutras institucións, asociacións e colectivos.

Salir de la versión móvil