O concurso ‘Desconecta’ convida a presentar curtas sobre a tolerancia cero fronte á violencia sexual

Publicidad

Co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller no horizonte, a Universidade de Vigo convoca o concurso de curtas Desconecta. Tolerancia cero contra a violencia sexual cara as mulleres e nenas. No certame pode participar, de maneira individual ou grupal, alumnado universitario matriculado este curso académico nalgún dos tres campus da UVigo.

O premio entregarase o 27 de novembro, durante a celebración no campus de Ourense das xornadas Dixitalización do sistema prostitucional: transformación e deslocalización nas que se enmarca esta iniciativa. Tanto o certame como as xornadas están organizados polo Grupo de investigación Saúde, Sexualidade e Xénero (PT1) e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo contando con financiamento da Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a Xunta de Galicia.

Envío de propostas ata o 20 de novembro

“Con este concurso de curtas preténdese concienciar e sensibilizar contra todas as formas de violencia sexual, especialmente a través dos espazos dixitais, das que son maioritariamente vítimas as nenas e as mulleres”, indican desde a organización. O vídeo, dunha duración máxima de 60 segundo, debe responder á temática proposta: “desconecta: tolerancia cero contra a violencia sexual cara as mulleres e as nenas”. O formato é libre, podendo ser animación, narración etc. A peza debe ser orixinal, inédita e non ser premiada en ningunha outra convocatoria. As persoas que presenten propostas deberán publicalas en Youtube etiquetando á conta @Desconectaviolenciasexual.

O xurado que elixirá a obra premiada estará formado por Isabel Menéndez, profesora catedrática de Comunicación da Universidad de Burgos; Luis Ballester, profesor da Universitat de les Illes Balears, e Ana de Miguel, profesora da Universidade Rey Juan Carlos. Os criterios de valoración serán a estética e técnicas audiovisuais utilizadas (20%), a orixinalidade e creatividade (30%) e a exposición clara da idea/temática (50%). O premio consistirá nun vale de 150 euros en papelería e material de oficina. O prazo de presentación de vídeos, seguindo as indicacións das bases do certame, está aberto ata o día 20 de novembro.

Xornadas sobre dixitalización do sistema prostitucional

O galardón entregarase no marco da celebración das xornadas Dixitalización do sistema prostitucional: transformación e deslocalización, que terán lugar os días 25 e 27 de novembro na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. A súa programación arrancará o 25 acollendo o acto institucional da Universidade de Vigo co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, contado coa asistencia de, entre outras persoas, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Fabiola García, conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. Ao longo da celebración destas xornadas, especialistas de diferentes universidades e entidades abordarán temas como a explotación sexual das mulleres e a pornificación da cultura no universo dixital; a pornografía e a prostitución dixital e o negocio do sexo nos novos espazos dixitais, como Onlyfans e Sugar daddy. O día 27, ás 19.00 h, terá lugar a clausura da actividade coa presentación da curta gañadora deste primeiro concurso Desconecta: tolerancia cero contra a violencia sexual cara as mulleres e as nenas.

Salir de la versión móvil