O documental "Acorda" xa está dispoñible en Filmin tras un gran éxito en Cineuropa

Publicidad

"Acorda", o documental sobre memoria histórica da Deputación de Pontevedra, está xa a disposición do público na plataforma Filmin tras a súa proxección no Cineuropa. A organización do festival seleccionou esta peza como unha das 15 obras ás que facer difusión en liña e poderá visualizarse ata o día 24.

A emisión en Filmin xorde despois de que "Acorda" formase parte da sección oficial "Panorama audiovisual galego" de Cineuropa tras ser considerada parte "da produción galega máis relevante" no último ano. A proxección tivo unha moi boa acollida entre o público e motivou unha gran participación no coloquio posterior, no que unha representante da Deputación explicou o motivo da iniciativa e porque se escolleron os lugares onde se gravou o documental.

A técnica de memoria, Montse Fajardo, explicou que o obxectivo da gravación sempre foi poñer en valor lugares e feitos de memoria na provincia de Pontevedra a través da música, facendo fincapé nas localizacións nas que houbo asasinatos e mortes, outras significadas pola súa resistencia ante a represión, e outras que amosan a implicación para a transmisión da memoria por parte da xente moza: a antiga ‘Escola Normal’ en Pontevedra; a Ponte Regueiro, en A Estrada; o Pozo da Revolta, en Marín; a praia de Massó en Cangas; a praia de Alcabre (Vigo) ; a Bombardeira ou Volta dos nove (Baredo); a Volta da Moura; e finalmente a Illa de San Simón.

"Acorda" é unha idea orixinal do departamento provincial de Memoria Histórica e foi producida tamén pola Deputación de Pontevedra, que encargou a dirección artística a Uxía e Marina Carracedo, o guión a Lois Pérez e a produción técnica a Lucas Terceiro. Entre o reparto de intérpretes están Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido, e un elenco formado por Tero Rodríguez, Andrés Giráldez, e Eduardo R. Cunha (‘Tatán'), entre outros. Ademáis de testemuñas reais de persoas como Queta Molas ou Blanca Francés. Na xornada do 15 de novembro en Santiago estiveron presentes na súa emisión Uxía, Marina Carracedo, Lois Pérez, Su Garrido Pombo, Sheila Patricia, Emilio Rúa, Tero e Laura Pérez, ademais da técnica e asesora de contidos Montse Fajardo e da fotógrafa do como se fixo Alba Díaz.

Posteriormente ás emisións destes días en Filmin, "Acorda" seguirá dispoñible para ser proxectado a demanda de maneira pública e sen coste en función das solicitudes de concellos da provincia e de colectivos memorialistas, xa que está dentro do catálogo de actividades que a Deputación de Pontevedra pon a disposición das entidades. Tamén cabe a posibilidade de emisión en centros de ensino, sendo precisa solicitude ao departamento de Memoria.

Salir de la versión móvil