O escritor porriñés Diego Giráldez presentará a novela "O meu sangue" este venres en Vigo

Publicidad

Este venres, 10 de xuño, o escritor Diego Giráldez presenta a súa nova novela "O meu sangue" da Editorial Galaxia. A cita terá lugar na Libraría Cartabón de Vigo ás 20:30 horas e contará coa presenza da escritora Anna R. Figueiredo.

Durante a presentación, os autores conversarán sobre a que é a novela máis persoal do escritor. Un libro que gardou nun caixón durante dous anos, que viu a luz a principios deste mes de maio e que xa está a obter comentarios moi satisfactorios tanto do público como dos críticos, que chegaron a dicir de "O meu sangue" cousas como que "é unha das grandes novelas do ano", que "con esta novela o autor sae do cómodo e sobe a aposta" ou mesmo "que é unha lectura moi recomendable e estimulante".

En "O meu sangue", Diego Giráldez compón un gran tapiz que nace da intimidade dun corazón desafiuzado que loita por recompoñerse. A obra é unha intriga que nos arrastra ao particular descenso aos infernos do protagonista e a unha defensa irracional do que nos fai máis felices: os seres e os lugares queridos.

"Empatizarías con alguén que humilla o teu sangue? Ata onde serías capaz de chegar para defender o que máis queres? Para David Ledesma, que soña con ser un escritor de éxito de novela negra, un disparo ridículo nunha perna é o colofón da súa vida con Belén e o comezo dunha relación tráxica con María. A partir de aquí, o protagonista mergúllase nunha trama onde a violencia, a maldade e o amor entretecen un relato de vinganza", adianta a sinopse do libro.

Diego Giráldez naceu en O Porriño en 1976 e exerceu o xornalismo en distintos medios escritos e dixitais. Ademais de coordinou varias cabeceiras, colaborou como columnista de opinión nos xornais A Nosa Terra e Xornal de Galicia e, a través de reportaxes culturais, con El País. Na actualidade, faino co diario dixital Praza Pública e a revista Luzes. Fundou e dirixiu as revistas Malladoura e CanZine e escribiu libros relacionados coa arquitectura e a historia económica de Galicia.

En 2016 publicou o libro de relatos curtos "Galería de saldos", o seu primeiro traballo de narrativa, polo que foi elixido "Autor galego do ano" pola revista Fervenzas Literarias. En 2019 publicou en Editorial Galaxia a novela "Hotel para coleccionistas discretos" e participou nas obras colectivas "O libro dos trens" e "A secreta melancolía da garza" (Galaxia, 2019).

Entre os galardóns que recibiu destacan o Premio Literario José Saramago de relato curto en 2010, o primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo en 2015 e o Premio Literario Manuel Murguía en 2016. En 2020 quedou finalista do XVII Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego.

Salir de la versión móvil