O Galician Freaky Film Festival inicia a súa conta atrás. O evento presentouse este xoves no que xa é o seu centro de operacións, a Sala Videodrome situada no Mercado do Progreso. A cita permitirá gozar de preto de 40 filmes nacionais e internacionais chegados dende Rusia, México ou Países Baixos, que conformarán unha sección oficial escollida entre case 200 propostas. “Hai pezas que veñen de Sitges ou de Nocturna que son a primeira vez que se verán en Galicia”, comentou Juan de Castro, director do certame.
A programación complétase con dúas exposicións, dúas actuacións en directo, cervexas silvestres, aliens por todos os lados, sorpresas e o método máis ruidoso posible para seleccionar as mellores curtametraxes: o clásico aplausómetro noventero.
A inauguración desta nova entrega do Galician Freaky Film Festival correrá a cargo de Caspervek Ensamble que musicalizará en directo “Nosferatu, unha sinfonía do horror”, o gran clásico expresionista do mestre F.W. Murnau e todo un referente do cinema de chupasangues o xoves ás 19:30 horas. Acto seguido proxectaranse dous bloques de curtas, “Co cu torcido quedo” e “Animación Freak”.
O venres 25 de outubro será unha xornada de frikismo intenso con varios pases diferentes agrupados por xéneros nos que se poderá desfrutar e rir a cholón no “Serán de Humor Freak Vol. 1”, tratar de explicar o inexplicable na sesión “Que carallo é isto?” ou chorar, berrar e ata abrazarse ao do lado na “Noite de arrepío”.
Xa o sábado 26 chegará o momento do “Serán de Humor Freak Vol.2” e unha cita que promete as delicias dos máis fanáticos, o “Frikismo do país”, sesión na que se proxectarán esas obras que máis entenden a filosofía do frikismo autóctono galego.
Para finalizar, tras a entrega de premios, chegará o momento do concerto de Los Pontiaks, que dará paso ao desenfreo e o despiporre da festa de clausura que rematará cando o ordenen as autoridades. “O ano pasado acabouse facendo o trenecito”, bromeou o director do festival, Juan de Castro.
Exposicións arrepiantes
Unha das grandes sorpresas desta edición do Galician Freaky Film Festival é que contará cunha mostra de Alberto Hortas, “a figura galega máis importante en canto a efectos especiais se refire”, puntualizou De Castro. “Teremos moitas das súas pezas e a honra de telo a el aquí explicando a exposición e facendo unha masterclass en vivo”. Hortas ten colaborado en filmes como “O espinazo do diaño”, “O laberinto do fauno” ou o programa “Muchachada Nui”. Isto non é todo. O festival volverá contar coa exposición dun dos artistas máis arrepiantes do panorama vigués, Josef Méndez e o seu Art Horror.
A videodrome, a irmá da nave Nostromo
O Galician Freaky Film Festival conmemora os corenta anos da estrea mundial de “Alien o oitavo pasaxeiro”, a cinta de culto protagonizada por Sigourney Weaver e dirixida por Ridley Scott. O evento non quixo perder a oportunidade de facer a súa propia homenaxe a esta data e xa avisou no cartel creado por Paulo Mosca e María Llauger, aínda que ese recoñecemento irá máis aló. Os organizadores decidiron converter a Sala Videodrome na irmá pequena da nave Nostromo e alí se verán aqueles ovos míticos da peli cheos daqueles parasitos “tan amigables”.
As entradas para asistir á nova entrega do Galician Freaky Film Festival xa están dispoñibles a través da web oficial do festival (preme aquí). Ademais, pódense conseguir abonos para as tres xornadas que dura a cita.