A editorial Belagua presenta este xoves, día 31 de maio ás 20:30 horas, o libro de relatos “Á deriva”, do escritor ferrolán Henrique Dacosta. O acto terá lugar na libraría Cartabón de Vigo (Urzáiz, 125), e nel participará, xunto ao autor, o escritor e crítico literario Ramón Nicolás.
Seis son os relatos que conforman o libro, sendo o primeiro deles, "Á deriva", o que dá título ao conxunto. Seis relatos de moi diferente fasquía, aínda que pespuntados liricamente pola voz dun autor que nos vai levando desde un mundo trazado pola incredulidade do accidente do Discoverer Enterprise –incrustado pateticamente na ponte das Pías– até a novela breve Patria do vento tourón, en que se relatan as vicisitudes do torreiro Terencio, namorado dunha serea.
O realismo combina co fantástico, sen renunciar ao ton irónico, mesmo cómico, a pesar de que se poida mastigar a traxedia, como acontece en Maxia real –un conto máxico de reis en que anda a rondar a morte–, en Canción de arrolar, co fusilamento en 1938, após ter dado a luz, de Amada García no castelo de San Filipe de Ferrol, e en Berlarmino e o robalo, co teimudo submarinista que interioriza como un desafío a loita contra o magnífico animal.
Finalmente, Isabel de Barreto, a almiranta dos Mares do Sur, antóllase tema recorrente e caro ao autor, agora recreado a través da figura dunha súa trasneta, protagonista de Ofelia Seis Dedas, que quixo tripar as mesmas terras que ela tripara en 1595 e que motivará a súa desgraza. Seis narracións, en definitiva, cheas de paixón, escritas co bon oficio de quen leva anos exercendo; narracións que, con certeza, non haberán de causar indiferenza a quen as lea.
Quen é Henrique Dacosta
Henrique Dacosta (Ferrol, 1964), defínese como profesor de profesión e escritor de vocación. Foi gañador do Certame Carvalho Calero coa novela Mar para todo o sempre (1991) e os relatos Sobre comboios, janelas e outras pequenas histórias (1993) e Unha mada de doce relatos (2006), e resultou finalista con Ruiva mulher de esperança no I Certame de Relato Curto Asociación Cultural Cidade Vella, publicado en Muralla de Crescórnio (1989).
Participou noutras colectáneas de relatos breves: Diálogo de xordos, en Longa lingua. Os contos da Mesa (2002); Ouro maldito, en Seis ferroláns (2003); Cabo do mundo, en Premios Pedrón de Ouro. Certame de Narración Breve Modesto R. Figueiredo; e Soñaba, en En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova (2010).
Escribiu as novelas Os desherdados (2006), O prezo da tentación (2008) e Entrada ao xardín do saber (2014); e o manual Ferroláns na Historia da Literatura Galega (2007). Ten publicado artigos e investigacións lingüísticas e literarias en diversas revistas e periódicos (Agália, A Nosa Terra, Ferrolanálisis, Crónica de Ferrolterra, Cátedra, Columba, O Sil, Ólisbos, Poesía Galicia, Kallaikia, Elipse, etc.). É colaborador habitual do Diario de Ferrol.