O Festival de Cans celebra dende mañá a súa maioría de idade coa estrea de "Mulleres no estraperlo"

Publicidad

Coa inauguración da rúa efémera Pilar Pereira comeza ás 10.30 horas de mañá mércores a primeira xornada da décimo oitava edición do Festival de Cans. Trátase dunha edición diferente, limitada nos aforos, e cun coidado protocolo de seguridade e prevención sanitaria. Tamén é a edición máis internacional do certame: o cineasta brasileiro premiado en Cannes (Francia) Kleber Medonça Filho, ou o historiador británico Ian Gibson están entre os participantes. Tamén se presenta un avance do resultado do novo proxecto ‘Correspondencias’, unha aposta por promover un intercambio epistolar fílmico entre cineastas de Galicia e doutros países. O avance das 'correspondencias' entre o cineasta galego Eloy Domínguez e máis o colombiano Samuel Moreno proxectarase no Festival.

Entre a mañá deste mércores, 1 de setembro, e a noite do vindeiro sábado, día 4, pasarán polas sección competitivas de Cans 33 curtametraxes e 20 videoclips. Ademais, proxectaranse 4 longametraxes e haberá coloquios e encontros con profesionais do sector audiovisual, concertos, exposicións ou actividades infantís.

Primeiro será a inauguración da rúa efémera Pilar Pereira. Participarán a súa filla, a actriz Camila Bossa, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Logo chega o primeiro encontro da nova edición do Festival entre actrices, actores e outros representantes do sector audiovisual. Será ás 12.30 de mañá, coa inauguración dos Coloquios Fundación AISGE no certame. Promovidos pola Fundación homónima, que traballa na defensa dos intérpretes e na visibilización dos seus retos coma colectivo, versarán sobre “A lIngua galega e a interpretación, esa estrana parella”. Participan Federico Pérez, Camila Bossa, Isabel Blanco e a lingüista Rosa Moledo. (Hai información detallada de actividades e horarios neste PDF descargable).

Novas Camadas: o cinema máis novo

Tamén se proxectan, xa pola tarde, as películas da sección ‘Novas Camadas’, na que participan os cineastas novísimos de Galicia, que ademais se reúnen en Cans co gallo do certame.

As 8 curtas participantes compiten polo Premio Deleite. Están realizadas por directoras e directores menores de 25 anos, procedentes de lugares como a Universidade de Santiago, Universidade de Vigo, a ECAM de Madrid ou a EIS Vigo. A sección espertou unha enorme expectativa, e o Festival tivo que programar unha sesión extra ante a demanda do público. (Enlace de descarga ás fichas dos filmes participantes).

Homenaxes

Xa no solpor, celébranse a Homenaxe ao Can de Cans e a Noite dos Veciños, coas homenaxes á veciña Marisol González e máis ao tristemente falecido hai poucos meses Silvino González, colocador de estrelas no Festival. Tamén se presentará, un ano máis, unha película documental sobre un tema relacionado con Cans e promovida polo Festival: ‘Mulleres no Estraperlo’.

Na Noite dos Veciños darase a coñecer, ademais, o completo estudio sobre o deseño gráfico do festival que fixo a deseñadora orixinaria de Cans Laura Campos, como Traballo final do seu máster de deseño. A sección Novas Camadas e a Noite dos Veciños, previstas inicialmente para seren realizadas no Torreiro de Cans, trasladaranse para o Espazo da Leira do Río ante a posibilidades de chuvia e para gañar mais metros de carpa cuberta e maior espazo e comodidade.

Na primeira xornada do Festival tamén se presentará o conto musical en forma de libro "Os Cans de Cans", escrito polo músico e compositor Nicaso Gradaílle, que creou unha fábula musical arredor dos cans da aldea. A interpretación musical da obra farase o sábado e correrá a cargo do Trío Acivro na parte musical e o actor Federico Pérez como narrador. Celebrarase ás 19.30 no Coberto de Pato e xa hai días que as entradas están esgotadas.

Salir de la versión móvil