A señora Mucha e o seu home, Juan, dúas das persoas de maior idade da aldea de Cans, 80 e 88 respectivamente, comezan estes días a estirar a alfombra vermella para acoller de novo no seu jalpón e no seu invernadoiro, unha das chamadas a ser a programación estrela da XVI edición do Festival de Cans.
En cousa dun mes, o 25 de maio, Xosé Manuel Budiño e Antón Reixa serán os encargados de afianzar, xunto a Fernando Epelde “Chisme”, aínda máis ese nexo case tanxible entre proxeccións audiovisuais e música, partindo nun espazo realmente atractivo para un número reducido de público e co aliciente ademáis de ser en varios casos, obras inéditas que verán a luz en Cans por vez primeira.
Tras estar apartado un tempo dos escenarios, Antón Reixa volverá a Cans para presentar o seu proxecto propio, Melancoholemia, unha proposta experimental de música e imaxes, aberto de ritmos, melodías, temas e versos recén chegada do WOMAD de Cáceres. Coa imaxe do realizador Antonio Segade, inseparable compañeiro de viaxe, e as bases musicais de Cachopou e do Hevi, cerebro de Maladrómeda.
Xosé Manuel Budiño converteuse nunha das personalidades máis relevantes da música galega das dúas últimas décadas e cunha sólida carreira de media ducia de discos como compositor e gaiteiro excepcional, acaba de publicar Fulgor, o sétimo disco da súa traxectoria, co cal da un sorprendente xiro cara o pop, sacando á luz sen complexos o cantante que levaba dentro e revélase como un magnífico compositor de cancións pop. Unha oportunidade única para coñecer de primeira man esta evolución, contado por el mesmo, e rexistrada nunha escolma dos seus clips, onde figuran realizadores habituais en Cans como Enrique Otero ou Roi Fernández, ou se rescata un clip case descoñecido como é Rapabestas, que a finais dos 90 realizara Tareixa Montes coa colaboración de Jorge Coira.
Ademais, o autor da canción oficial deste ano, Fernando Epelde, presentará a estrea mundial do filme SYD. Efectos especiales dejan de ser especiales con el tiempo. As súas creacións audiovisuais teñen unha liña de creación moi marcada, na que se mesturan a Serie B, a banda deseñada e a estética underground. Syd é unha película sobre a fraxilidade ética do cinema e as historias que contamos, protagonizada por personaxes de escasos principios morais. Unha comedia macabra sobre a necesidade de aproximar os relatos aos feitos, tal e como sucederon, nesta época de posverdade e manipulación da memoria.
A venda das entradas para cada unha destas actividades xa está habilitada a través da web oficial a un prezo de 5€ (prazas moi limitadas).