O Festival de Cans terá un día máis na súa vindeira edición

Publicidad

O Festival de Cans sumará un día máis de programación na súa vindeira edición que se celebrará nesta aldea de O Porriño do 19 ao 23 de maio de 2020. Deste xeito, o certame arrancará un día antes do previsto, para extenderse durante cinco días, fronte ós catro que viña tendo ata agora, e rematar no penúltimo sábado de maio, habitual Día Grande do festival. A organización do certame tomou esta decisión ante a gran cantidade de contidos de calidade que se prevén para esta nova edición de 2020, moitos dos cales se irán desvelando nas vindeiras semanas.

O Festival anuncia as datas da que será a súa XVII edición coincidindo coa súa presenza en Culturgal, a gran feira das industrias culturais de Galicia, que se celebra esta fin de semana en Pontevedra, do venres 29 de novembro ata o domingo 1 de decembro. O Festival de Cans terá un stand en Culturgal, e con este motivo lanzará unha oferta inicial de venda de entradas a un prezo moito máis baixo do habitual. Por só 15 euros poderá reservarse un pack de entrada, camiseta, catálogo do festival, chapa numerada e unha novedosa bolsa de tela que se venderá en exclusiva en Culturgal. O prezo final deste pack nos días do festival será de 33 euros, pero esta oferta de lanzamento a 15 euros limitarase só a 50 packs que só poderán reservarse no stand do Festival de Cans no Culturgal. Unha vez rematada esta oferta irán subindo de prezo ata o comezo do festival.

É a primeira vez na historia do festival que se lanza unha oferta de promoción de entradas destas características, coa finalidade de poder agasallar polo Nadal a reserva das entradas de Cans. É unha petición que a organización accederá a poñer en práctica despois de que moitas e moitos seguidores do certame tiñan transmitido como suxerencia esta idea de activar un tramo de venda anticipada antes das festas navideñas.

Nas últimas semanas, a organización do Festival de Cans ven traballando intensamente na preparación da programación da nova edición, e na presenza de numerosas actividades como o ciclo de cine Cans todo o ano na Sala Ingrávida, a sesión de curtas premiadas nos Cinema Aventure de Bruxelas, a presenza no Encontro Cultura y Ciudadanía de Madrid ou as mesas de Proxecta, a Coordinadora de festivais, no Festival Cineuropa de Compostela.

Antes de que remate o ano, o Festival de Cans anunciará tamén as datas de apertura da convocatoria para enviar as curtametraxes e videoclips a concurso e comezar a etapa de visionado na procura da última fornada de creadoras e creadores audiovisuais.

Salir de la versión móvil