O Festival Kerouac encherá de poesía e arte todo Vigo. Case sen excepción. Os versos conquistan a urbe galega. Amosan ese poder de supervivencia, de inmortalidade que ten a poesía. A cidade perdeu nos últimos tempos citas como Imaxinasons ou Alt. O Kerouac sobrevive. A súa proposta aparece de nova ante nós de todas as formas posibles. Por terra co Poemóbil, por mar co Poetry on Board, que se celebrará este domingo a bordo do barco que conecta Vigo e Moaña, e polo vento que transmite cada unha das verbas e a arte de personalidades como o grupo Rompente, Silvia Penas, Samir Delgado ou Rocío Cerón.
O festival vigués celebrarase do 3 ao 6 de outubro. As catro xornadas desenvolveranse en diferentes emprazamentos. A programación do Kerouac comeza este xoves 3 de outubro na Galería Sargadelos. A primeira proposta será o obradoiro chamado “Con Barqueira e Remador”, unha actividade centrada na tradución poética, localizada xeograficamente na illa de San Simón, un espazo de inspiración. A directora desta proposta, Yolanda Castaño, estarán presentes na cita inaugural do festival xunto a Gonzalo Hermo, Adrián Grima, Manal Al Sheikh, Arvis Viguls, Itisha Girl e Rui Cóias, que compartirán parte das conclusións tras as súas xornadas de traballo en San Simón.
O Kerouac trasladase o venres á Fundación Barrié. Ás 19:30 horas, será o momento de gozar de novo con Rompente, o grupo formado por Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño nesa viaxe á orixe da poesía en Vigo. Nesta xornada tamén poderemos coñecer a nova proposta das galegas Silvia Penas e Tamara Andrés, “Cartografías para un pergamiño portátil”. O evento completase coa participación de Montenegro Fisher e Spiegel Poesie. O prezo da entrada é de 5,77 euros e pódese mercar na plataforma de Eventbrite (premer aquí).
Coa chegada da fin de semana, o Kerouac duplica as súas propostas. A primeira terá lugar no restaurante de El Corte Inglés a partir das 19:00 horas cos recitais de Rocío Cerón, Montenegro Fisher, Constante Hurlé e Rui Grenha e Bea López. A xornada culmina na Sala Radar coas propostas da Lisbon Poetry Ensemble, que chega a Vigo gracias a colaboración do Instituto Camões co festival, e Moloch.
O colofón do Kerouac celebrase o domingo 6 de outubro. Todo comezará cunha sesión vermú na Taberna do Náutico ás 13:00 horas, unha proposta con programación tamén para os máis cativos e coa que o festival quere “democratizar” a cita a través do chamado “micro aberto”. Ademais de incentivar a participación do público, que pode compartir as súas propias creacións, poderemos gozar coa poesía de Samir Delgado, Rocío Cerón, Montenegro Fisher, Lúa Mosquetera, Beatriz Alonso e Daniel Rodríguez.
A poesía tamén navegará pola ría de Vigo coa proposta "Poetry on Board". Será no barco que une a urbe galega con Moaña. A mesma ruta que inspirou a Domingo Villar na súa última novela, “O último barco”, será o escenario dos recitais de Rocío Cerón, Samir Delgado e Montenegro Fisher.
O Festival Kerouac pechará a súa edición nun dos lugares máis emblemáticos y singulares de Vigo, “O muro dos poetas”. Neste espazo celebrarase un acto de clausura cos versos de poetas de todo o mundo. O evento converterá a Vigo nunha cidade cosmopolita coa arte e co poder da poesía. Este desenlace terá lugar ás 19:00 horas neste espazo situado na rúa Londres, preto do Museo MARCO.