A organización do Festival Primavera do Cine en Vigo abre o prazo de recepción de películas que durará dende este xoves 31 de marzo ata o vindeiro 31 de maio. A convocatoria vai destinada a películas de produción galega en tres posibles formatos: curtametraxe, longametraxe e videoclip; e tamén a curtametraxes e longametraxes de países das áreas lusófonas.
Os filmes deberán estar producidos a partir do ano 2020. Para inscribirse, as produtoras ou cineastas interesados deberán facelo a través da web primaveradocine.com
Datas oficiais
As proxeccións da sección oficial sometida a premio de público e de xurado terán lugar no Auditorio Municipal do Concello e, no caso das curtametraxes, no museo MARCO; estas veñen sendo as principais sedes do festival en toda a súa traxectoria. Ademais, desenvolveranse varias actividades paralelas na sede viguesa do Instituto Camões e na sede da Deputación de Pontevedra na cidade. O festival terá lugar entre o martes 6 e o domingo 11 de setembro.
O Festival celebra este ano a súa undécima edición
Son xa once edicións as que leva este festival traendo a Vigo o máis salientable da cinematografía galega e tamén, dende a súa cuarta edición, dando a coñecer as cinematografías da lusofonía (Portugal, Brasil, Angola...) a través de títulos de referencia internacional, moitos deles estrea en Galicia e en España.
A organización destaca que elaborará unha programación de alta calidade, en correspondencia co bo momento polo que está a pasar a cinematografía galega. Buscarase ofrecer títulos moi variados en canto a xéneros cinematográficos e propostas estéticas, que resulten atractivas para os espectadores e onde unha boa parte da programación estea ligada ao compromiso social e aos valores humanos.
Tamén se fará un esforzo específico na organización de actividades paralelas que enriquezan o evento máis alá das proxeccións e que cheguen a un público o máis variado e numeroso posible.
Continuidade á sección específica de curtametraxes infantís
Nunha forte aposta pola formación de públicos que funcionó moi ben xa a pasada edición, o festival dará continuidade á sección de curtametraxes infantís dirixida ao público máis novo. Esta sección estará sometida a un premio concedido por un xurado composto por nenos e nenas de idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos. Nas vindeiras semanas abrirase a convocatoria de participación para as nenas e nenos que queiran formar parte do festival.