O FICBUEU acollerá a proxección de más de 100 curtas

Publicidad

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu ofrecerá entre o 6 e o 14 de setembro a programación máis ampla e variada das súas doce edicións, segundo explicaron os responsables do certame na rolda de prensa celebrada esta mañá para presentar os títulos seleccionados. Ademais do habitual Centro Social do Mar, habilitarase unha nova sala de proxeccións no Museo Massó, para dar cabida aos 111 traballos que se amosarán este ano, con dúas novas seccións na programación, unha Experimental e outra Retrospectiva.

O director do FICBUEU, Manuel Pena, explicou que “a Sección Internacional seguirá sendo a columna vertebral do festival”. Este apartado componse de 23 títulos entre os que “están representados máis países ca nunca antes”, segundo apuntou o recentemente nomeado subdirector do FICBUEU, Severiano Casalderrey, quen aclarou ademais que pese a acaparar Francia case un cuarto dos 2.342 filmes presentados, este predominio non se reflicte na programación final. Ademais, esta sección na que os nominados compiten pola Ánfora de Ouro, a Ánfora de Prata e os 11 premios técnicos, “será de máxima actualidade, pois a maioría dos títulos corresponden ao ano en curso, e probablemente haxa unhas cantas estreas”.

Ao apartado internacional súmanse outras catro seccións competitivas, con cadanseus premios: Galicia, España, Escolas e a nova Sección Experimental, “unha conta que tiñamos pendente dado o alto potencial existente neste tipo de traballos que non acababan de encaixar no programa do festival, máis pegado á realidade social”, puntualizou Casalderrey. De feito, temáticas como as migracións, o racismo, o papel da muller, a comunidade LGTB ou mesmo as redes sociais serán algúns dos temas presentes na programación. O subdirector do FICBUEU destacou ademais o predominio das directoras na Sección España e da animación na Sección Galicia, mostra de que esta técnica “está remontando tras uns anos de crise”.

O 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu volverá contar aínda con outras tres seccións non competitivas: Infantil e Xuvenil, propostas “que se saen dos modelos tradicionais” destinadas a centros educativos, e Panorama, na que poderán verse traballos “cun gran percorrido polos festivas máis importantes do mundo”. “É un apartado ao que lle queremos dar impulso pola excelente calidade dos títulos” que reúne, apuntou Manuel Pena e, de feito, será unha das seccións que opten ao Premio do Público canda Internacional, España e Galicia.

Curtas que compoñen o FICBUEU 2019

Salir de la versión móvil