O Festival Internacional de Cinema de Bueu, o FICBUEU, regresará este domingo á axenda cultural galega coa estrea dunha sección na súa programación que busca achegar ao público o traballo de novas creadoras e novos creadores de curtametraxes dirixidas e/ou producidas en Galicia. "GZ_00", así se chama a nova categoría, reunirá no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu media ducia de películas que amosarán o talento emerxente que hai na comunidade e que competirán para acadar o premio á mellor curta galega nesta edición, a décimo sexta, do FICBUEU. O pase terá lugar a partir das 19:30 horas.
Detrás desta selección de filmes galegos hai tres mulleres e tres homes. A viguesa Lucía Estévez trae ao Festival O neno sardiña, sobre un personaxe de lenda que cruza o Miño para alonxarse dos que celebran o seu enterro na fin do Entroido. É a quinta curta desta realizadora, na que contou co traballo interpretativo de María Vázquez ou Diego Anido. 30’ 70 60’ 120, historia dunha prostituta nos seus tempos de espera entre encontros, vén firmada pola directora de Nigrán Marta Valverde; e Na pel da memoria é obra das vilagarcianas Coral e Laura Piñeiro, fundadoras da asociación Memoria e Cinema. A través desta curta documental que se proxectará mañá no FICBUEU achegarán ao público a figura de Mariví Villaverde, unha escritora, tamén vilagarciana, referente na recuperación da memoria histórica do exilio.
O lugués Nacho Ozores estará en "GZ_00" con Solo, a veces. Frágil, siempre, relato dun home que quere pasar unha noite de venres tranquila pero a quen o universo llo pon difícil. En O coidado, presentada por Miguel Canalejo, realizador afincado na Coruña, os protagonistas son un home de 70 anos que empeza ter problemas de autonomía e o androide que o axuda. Completa a lista de talento emerxente galego o santiagués Santi Teijelo coa súa película Malgrat, un proxecto documental que reflexiona sobre a capacidade dos espazos de albergar recordos.
Este domingo tamén se proxectarán no Auditorio do Centro Social do Mar (21:30 horas) as seis películas da sección "Descubertas", na que se atoparán os traballos máis vangardistas e innovadores dos últimos meses da escena mundial. Este ano, as películas seleccionadas chegan de países coma Holanda (Buurman Abdi), Irán (Majmouan), Reino Unido e Noruega (A history of the world according to Getty Images), Finlandia (The Transient), Hungría (Resting Fog) e España (Bloom). Ademais, ás 18.30 horas será o pase de catro dos mellores traballos das escolas de cinema de todo o mundo na sección «Escolas Internacionais»: La herida luminosa, do realizador español Christian Avilés; Rituály, do checo Damián Vondršek; Raíces, das italianas Maddalena Brozzi, Laura Cagnoni e Sara Moschini; e The Boy Who Couldn’t Feel Pain, do alemán Eugen Merher.
O custe das entradas para cada sesión é de 3 euros, e poden adquirirse de forma online a través da web do festival, elixindo "GZ_00" ou "Descubertas" (clic aquí).