A música ao vivo terá un destacado papel no programa na nova edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se celebra entre o 6 e o 14 de setembro. Os directos estarán encabezadas polo artista barcelonés Enric Montefusco, para cuxo concerto xa se poden adquirir as entradas na web do FICBueu. No entanto, a organización programou ademais unha serie de actuacións de balde protagonizadas por AJB Collective, Caspervek Trio, High Paw, Iván Rodríguez e The Swinging Flamingos. A estas súmase o concerto PunkInfantil e a música dos programas de radio, como a de Agoraphobia en Carne Cruda.
O 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu arrincará o 6 de setembro ás 20:00 horas cun concerto ambiental nas inmediacións do Centro Social do Mar, onde membros da Asociación de Jazz de Bueu, baixo a denominación AJB Collective, se encargarán de entoar o saxo, a batería e o banjo, que continuarán soando tanto no acto inaugural como ao seu remate. Na mesma xornada, ás 22:30 horas, a música trasladarase ao interior do auditorio da man de Caspervek Trio, coa actividade ‘Panorama de cinema mudo: 15 anos de pioneiros da sétima arte (1902-1917)’. O grupo encargarase de poñerlle banda sonora a tres obras xa habituais do seu repertorio, e estreará outras dúas. Deste xeito, proxectaranse con música en directo cinco fitas capitais da orixe do cinema, asinadas por Mèliés, De Chomón, Chaplin, Guy e Griffit.
Na fin de semana, ás 12:30 horas, desenvolveranse no exterior do Centro Social do Mar as sesións vermú do FICBueu 2019, nas que o público poderá degustar un Vermut Lodeiros de produción galega. A do sábado día 7 estará amenizada por High Paw meets Mr. Mou, dúo no que a singjay e guitarrista High Paw, nova promesa do reggae estatal, estará acompañada por Mr. Mou ao casiotone. O domingo 8 será a quenda para Iván Rodríguez Covers, show no que o cantante, con máis de 25 anos de experiencia, versionará clásicos do pop e do rock. O sábado ás 22:30 horas terá lugar ademais o xa citado concerto de Enric Montefusco.
A música volverá ás inmediacións do Centro Social do Mar o sábado 14 de setembro ás 20:00 horas con The Swinging Flamingos para trasladarnos á Nova Orleans dos anos 20. Será un concerto con moito swing que reúne a esencia das big bands norteamericanas e que dará paso á Gala de Clausura, coa que se pechará o FICBueu 2019.