A lingua galega continúa a espallarse polos festivais e eventos de maior prestixio do cinema europeo. Despois de éxitos de crítica e público como o de “O que arde”, que saíu do Festival de Cannes con galardón baixo o brazo, as boas novas para o cinema galego continúan sucedéndose.
Dúas cintas en lingua galega estarán presentes no Festival de Sevilla que, do 8 ao 16 de novembro, converterá a capital de Andalucía na capital do cinema europeo. Entre os 230 títulos seleccionados pola organización do festival, a presenza galega estará protagonizada por Eloy Enciso, con “Longa Noite” e Jaione Camborda e “Arima”.
A cinta de Eloy Enciso chegará a Sevilla coa súa estrea en España e farao ademais na sección oficial na que competirá con outros nomeados directores como Abel Ferrara Elia Suleiman ou Nadav Lapid.
https://www.youtube.com/watch?v=99r5eM_8Sss
O director lucense presentará un retrato do impacto dunha guerra atravesado pola memoria literaria do exilio. No filme, podemos ver a Anxo quen, trala posguerra española, regresa ao seu pobo no interior de Galicia. Alí crúzase con outras personaxes, gañadores e vencidos dunha España dividida: unha viúva que non quere lembrar, un comerciante que emigra, un prisioneiro republicano que describe o seu calvario. A entrega dunha carta obriga a Anxo a cruzar a fronteira, sentir o frío da clandestinidade e penetrar na longa noite franquista. As pantasmas que todos crían esquecidas invaden entón o presente.
Pola súa parte, a donostiarra aficanda en Galicia Jaione Camborda, presentará o seu traballo na sección de “Las nuevas olas”, na que competirá con outras 15 películas que se expanden tamén até Tunisia, Arxelia, México ou Arxentina. Faino con “Arima”, o seu debut nas longametraxes, cunha historia de catro mulleres e unha nena que vese alterada pola chegada inesperada dos forasteiros.
https://www.youtube.com/watch?v=P06a06N4p8c