O Galician Freaky Film Festival recibe máis de 100 filmes a menos de dúas semanas de que remate o prazo para a inscrición de obras a concurso.
Así, a organización do Galician Freaky Film Festival, que terá lugar os días 25, 26 e 27 de outubro, destaca o gran éxito que tivo esta primeira convocatoria e confirma que Vigo volverá a mostrar o mellor do cine de serie B esta vez cunha ampla selección de obras. Tanto é así que o festival recibiu filmes de países tan diversos como Irán, Suíza, Gran Bretaña, Paraguai ou Arxentina.
Tódolos cineastas ou produtoras que queiran enviar os seus proxectos poderán facelo inscribíndose na web ata o 17 de setembro. Deste xeito poderán optar á exhibición e participación a concurso todas as obras audiovisuais nacionais e internacionais de ficción, non ficción, animación, terror, cine fantástico ou calquera traballo que polos seus contidos ou tratamento estético poida ser denominado friki e serie B.
Doutra banda e como novidade, se premiarán ás mellores pezas audiovisuais mediante o voto popular e haberá unha categoría especial para aquelas microcurtas gravadas co móbil.
O certame está a traballar tamén nas actividades paralelas que se levarán a cabo no mes de setembro e outubro para que Vigo sexa un ano máis a capital do mundo friki e o festival se consolide como un novo referente cultural dentro da cidade.
O Galician Freaky Film Festival
A pasada edición #0 do Galician Freaky Film Festival tivo unha gran acollida por parte do público e dos profesionais destes xéneros audiovisuais. Cerca dun millar de persoas participaron nas actividades promovidas polo festival e tivo una moita repercusión no colectivo friki e underground galego.
Por iso este ano a organización quere ir un paso máis aló e abrir o festival a proxectos de fóra de Galicia, aínda que os obxectivos seguen sendo os mesmos: reivindicar o frikismo galego que comezou nos anos 90 coa movida viguesa de Siniestro Total e Os Resentidos e con filmes tan característicos coma A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos. Continuou co rock bravú de Heredeiros da Crus e se consolidou co Xabarín Club, grazas o cal toda unha nova xeración coñeceu o anime.