O Galician Freaky Film Festival, un evento contra vento e pandemia

Publicidad

O Galician Freaky Film Festival ultima os detalles da súa cuarta edición que, dun xeito atípico e inesperado, celebrarase no medio dun estado de alarma que afecta a todo o territorio nacional.

Deste xeito, estase a traballar nun novo horario que se anunciará en breve, en canto a Xunta confirme a hora definitiva do toque de queda, xa que pode ser ás 22.00, ás 23.00 ou ás 00.00. Neste senso, Juan de Castro, director do certame, explica que, ademais destes cambios, “a parte presencial será un evento só para os abonados, cun aforo máximo de 30 persoas, nun entorno totalmente seguro e controlado na Sala Overlook, no hotel Bahía”.

Por iso, tamén haberá opción de ver a sección oficial dende a casa do 28 de outubro ao 8 de novembro. “Este ano, como moitos certames, a parte online ten moito peso. De feito, poderanse ver as 60 curtas dende a plataforma online Festhome” confirma de Castro.

Con todo, e a pesares das modificacións ou adaptacións que veñen, a organización móstrase entusiasmada coa nova edición do festival que definen coma irreverente e moi gamberra. Así, Miriam P. Álvarez, do equipo de dirección, recorda que “das 60 curtas que se proxectarán e se poderán ver tanto de xeito presencial coma de maneira online, máis de 40 son estreas en Galicia e 15 son inéditas en España. Ademais, contaremos con tres estreas internacionais”.

Sen dúbida, o Galician Freaky Film Festival, volverá un ano máis a cidade contra vento e pandemia, para gozar do cinema máis freak e esperpéntico de Galicia, España e o mundo.

Cambios na xornada inaugural

O festival comezará o mércores 28 coa musicalización de Caspervek Ensemble en directo de A Carreta Pantasma, de Victor Sjöström, filme de referencia para Stanley Kubrick, director de El resplandor, obra homenaxeada nesta edición do evento.

Despois, xa no Hotel Bahía, tocaríalle a quenda a Nimic do aclamado Yorgos Lanthimos, autor de obras coma Langosta ou La favorita, sen embargo, “co fin de adaptarse ao toque de queda proxectarase o xoves 29” engade Juan de Castro.

As actividades paralelas

As actividades paralelas do GFFF mantéñense, pero dende a organización móstranse abertos a facelas de xeito online no caso de que se confirmen limitacións a mobilidade entre comunidades ou provincias xa que “algúns dos invitados virán de Barcelona e outras localidades” explica de Castro.

Así, tanto a Aula CREA, no que se levará a cabo un coloquio con Conrado Xalabarder, coma a gravación do podcast Anónimo IV, conducido por Erea Carbajales e Brais González e no que participan Xalabarder, Nani García e Manuel Riveiro para falar sobre a música e o cinema, poden mudar o seu formato e celebrarse en streaming co fin de cumprir coa normativa pertinente.

O mesmo ocorre coa Mesa Cadrada FFFG, un debate público cos responsables dos catro festivais de referencia de temática fantástica e freak de Galicia: FKM, Festival de Cinema Fantástico da Coruña, Fancine de Lemos, de Monforte de Lemos, Curtas do Imaxinario, de Vilagarcía de Arousa e o Galician Freaky Film Festival, de Vigo.

Exposición de Paulo Mosca

Coma non podía ser doutro xeito, o festival freak incluirá, coma ven sendo habitual, unha exposición que se poderá ver no Hotel Bahía. Se o ano pasado foron Alberto Hortas e Josef Méndez, esta quenda tócalle a Paulo Mosca, artista totalmente alleo as modas e ao politicamente correcto que non deixará a ninguén indiferente.

A mostra estará articulada retrospectivamente desde os seus comezos, cos traballos en fanzines e cómics, pasando polas ilustracións salvaxes da súa etapa rosa, ás últimas creacións para animacións e tamén parte dos seus traballos aínda non expostos ao público.

A venda de entradas, dispoñible solo online

Debido a actual crise sanitaria e para facilitar a xestión e os trámites, as entradas estarán unicamente dispoñibles a través da web do GFFF.

Neste sentido, os asistentes terán a opción de mercar un abono VIF, con acceso a todos os pases e actividades do certame ou escoller unha entrada para a inauguración. Ademais, ao ter un aforo moi limitado, existirá a posibilidade de ver a sección oficial online, podendo facerse co billete correspondente na web.

Salir de la versión móvil