Galicia será o territorio convidado de honor á vindeira edición do Festival Intercéltico de Lorient. Así o confirmou a propia organización do evento, que presentou nunha conferencia de prensa o cartel promocional da cita para o 2019, no que se fai referencia á 49ª edición como “O ano de Galicia”.
Con 48 anos de historia, o Festival Intercéltico de Lorient reúne en cada edición máis de 4.500 artistas de Bretaña, Escocia, Gales (país convidado este ano), Cornualles, Illa de Man e Irlanda, así como de Galicia e Asturias, ademais duns 120.000 espectadores con entrada e 750.000 visitantes na localidade. A 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient celebrarase na localidade bretoa entre o 2 e o 11 de agosto de 2019.
A pasada semana o director da Agadic, Jacobo Sutil, desprazouse a Lorient para avanzar xunto coa organización do festival na posibilidade da homenaxe a Galicia, que supón o máximo protagonismo para a nosa comunidade neste histórico encontro da cultura celta, así como unha importante visibilidade para a delegación galega que viaxe ao festival.
Galicia conta habitualmente cunha ampla representación nesta cita. Non en balde, na actual 48ª edición participan Uxía (acompañada por unha banda integrada por Quim Farinha, Santi Cribeiro, Isaac Palacín, Bluenn Le Friec, José Manuel Díaz e Sérgio Tannus), Rodrígo Romaní, Beatriz Martínez, Xulia Feixóo, a Banda de Gaitas Son da Chaira de Rábade-Begonte, o grupo de baile Saiñas de Xove, o gaiteiro Anxo Lorenzo, Pepe Vaamonde e o cuarteto Sementeira. Así mesmo, o 33 Trofeo Mac Crimmon de Gaita peninsular contou con catro solistas galegos: Xesús Rodríguez, Manuel Seoane, Diego Prieto e Raquel Vilas. No caso de Uxía e Rodrigo Romaní, a Agadic prestou o seu apoio ao desprazamento e gastos a través das subvencións a distribución.