O Primavera de Cine arrancará con sentimento revolucionario ao aire libre no Calvario

Publicidad
Proxección ao aire libre en 2018 // Miriam Deschain - Primavera do Cine

Desde o 30 de abril e ata o 5 de maio o Festival Primavera do Cine de Vigo dará comezo ás proxeccións da sección oficial cun total de 44 obras das que 10 son longametraxes.

A primeira en proxectarse será No intenso agora de João Moreira Salles, un documental que, a través de diferentes imaxes de arquivo falará dos eventos de maio do 68 en París, a Primavera de Praga e a Chinesa comunista de Mao. O filme poderase ver de balde no barrio do Calvario ( Rúa Urzáiz, 162) xa que formará parte tanto da gala de inauguración, que comeza ás 21.00 horas do 30 de abril.

O resto das longas exhibiranse no Auditorio do Concello. Entre as obras escollidas cabe destacar Trote de Xacio Baño, a primeira longametraxe do director e que amosa a eterna loita entre a razón e o instinto e onde todo discorre nunha aldea durante a Rapa das Bestas. Un filme que xa ven de colleitar numerosos éxitos e que se puido ver en varios festivais internacionais de prestixio coma o de Locarno, San Sebastián ou Suíza. Ademais, non hai que esquecer que conseguiu 12 nominacións aos Goya 2019. Agora, esta obra rodada integramente en galego chega ao Primavera do Cine.

Quen tamén se estrea coma directora é Ana Domínguez con Os fillos da vide. Así, a cineasta rende unha homenaxe as súas raíces, ao mundo rural e vitícola de Valdeorras (Ourense). Hai que sinalar que este documental conseguiu facerse co premio ao mellor filme galego na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego.

Ademais, na oitava edición do Primavera do Cine tamén se poderá ver Deslembro, un filme de tintes autobiográficos da directora Flávia F. Castro e onde se poderá formar parte da vida de Joanna, unha adolescente que se ve obrigada a deixar París e volver coa súa familia a Río de Xaneiro na década dos 80. Neste caso, a obra ven de proxectarse en festivais tan sonados coma o Festival de Venecia 2018 ou CineEuropa 2018.

Sección galega e lusófona

O resto da sección oficial de longametraxes galegas completarase con Gallo, de Antonio Díaz Huerta e La felicidad de los perros de David Hernández.

Gallo é un documental que narra a historia de Aitor, un surfista cego que intentará conseguir o título de Campeón del Mundo de Surf Adaptado. A ópera prima de Antonio Díaz proxectouse no Festival de San Sebastián 2018. Doutra banda, La felicidad de los perros narra a crise existencial de César e a súa loita por saír adiante.

Xa no apartado de obras lusófonas poderanse ver tamén Alva, de Ico Costa, Ferrugem de Aly Muritiba, Extinção, de Salomé Lamas e Chuva é cantoria na aldeia dos mortos, João Salaviza e Renée Nader Messora.

A excepción de No intenso agora, que será ao aire libre e de balde no barrio do Calvario, o resto das longametraxes poderanse ver no Auditorio do Concello de Vigo. Cada pase custará 4 euros e poderase mercar no despacho de billetes do Auditorio do Concello dende media hora antes de que comece o filme. Pódese consultar a sección oficial completa na web do festival.

Salir de la versión móvil