O Primavera do Cine de Vigo abre o telón tras o éxito das actividades previas

Publicidad

Tras distintas actividades previas, como a Mostra de Cine Brasileiro ou o cine ao aire libre, este martes arrinca a sección oficial VII edición do Primavera do Cine en Vigo nun dos seus anos máis completos e de maior calidade.

O pistoletazo de saída darase o martes 8 de maio en dúas das sedes dos festival, o Auditorio Municipal do Concello e o Instituto Camões.

A primeira longametraxe en proxectarse será Tódalas mulleres que coñezo de Xiana do Teixeiro, un documental que recolle as vivencias de diferentes mulleres que evidencian o masculinizada e violenta que segue sendo a rúa a día de hoxe.

A través de tres conversacións reveladoras con amigas, colaboradoras e estudantes de secundaria, a directora busca articular un discurso sobre o medo que non fomente o medo, un discurso sobre a violencia que non resulte violento. A película púidose ver dentro da sección oficial do Festival de Málaga ou en Documenta Madrid. Á proxección acudirá a viguesa Noemí Chantada, directora de fotografía do filme e será ás 20:00 no auditorio municipal.

Ás 22:00 horas, tamén no Auditorio do Concello, será o momento de Invierno en Europa de Polo Menárguez, unha película documental que narra a dura vida dos inmigrantes afgáns en Belgrado (Serbia) e o seu soño de cruzar a fronteira ata Hungría fuxindo do frío extremo. Este filme obtivo a mención especial na Seminci de Valladolid.

As entradas para estas dúas películas poderanse adquirir no despacho de vendas do Auditorio do Concello desde media hora antes do inicio das proxección e a un prezo de 3.50 euros cada unha.

Bloques de curtas

Doutra banda e de xeito case simultáneo darán comezo os bloques de curtas lusófonas no Instituto Camões.

O primeiro será ás 19:30 e estará composto por Em algum lugar, amanhã de André Siqueira, unha curta que fala da atracción súbita que pode xurdir entre descoñecidos e sobre como cada decisión que tomamos pode marcar a nosa vida para sempre; Deusa, de Bruna Callegari, a historia dunha recadadora na peaxe da illa na que vive e que comezará a sentirse diferente cando ve unha balea encallar na praia e O menino e o louco de Julia Ferreira, na que un neno viaxa, reencontra as súas amigas xemelgas e pasa a frecuentar a súa estraña casa, tentando protexelas do seu pai insán.

O segundo bloque arrincará ás 21:00 horas e estará composto por: O forasteiro, de Diogo Cronemberger, que conta a historia dun home que, nos rincóns de Piauí, Brasil, loita contra o mundo cíclico e obsesivo de violencia no que está aprisionado; Flores, de Vado Vergara e Henrique Bruch, unha cinta que fala de como a chegada dos grandes emprendementos inmobiliarios pode transformar a arquitectura dunha cidade mentres o tempo vai deixando as súas cicatrices e Vidas Cinzas de Leonardo Martinelli, un falso documental sobre a actual crise social, política e económica no Brasil, onde o goberno corta as cores do Rio de Janeiro, deixando a cidade en branco e negro. Ademais, esta última curta contará coa presenza de Nadia Anderson Orlickas, produtora da mesma.

A entrada para cada bloque terá un custo de 2'50 euros e poderase adquirir no Instituto Camões desde media hora antes de que comece a proxección.

Salir de la versión móvil