O grupo vigués Atrezo Teatro será o encargado de inaugurar o Festival Platta da Plataforma Transfronteriza de Teatro Amador, que se celebra esta fin de semana, do venres 21 ao domingo 23, en Viana do Castelo (Portugal).
Os vigueses levarán até a outra beira do Miño o espectáculo Chicago Killers, unha comedia musical, adaptación do famoso musical Chicago, escrita por Jessica Roade e dirixida por Chelo Pampillón. Será o venres, ás 21.30 horas, no Café Concerto do Teatro Municipal Sá de Miranda. O sábado 22, á mesma hora, na Sala Principal, será a quenda do grupo Fénix Teatro de Zamora, que presenta Mamáa!!!, de Jordi Sánchez e Pep Antón Gómez, e dirixida por Rafael González.
O domingo 23, ás 11:00 horas, terá lugar a lectura da obra Fíos, de Ernesto Is, en galego, castelán e portugués, e ás 17:00 horas, na Sala Principal, o Teatro Amador de Lanheses, en representación do concello anfitrión, Viana do Castelo, representa A farsa do mestre Patelino, dirixida por Carla Magalhaes. Todas as iniciativas teñen entrada libre ata completar a capacidade das salas.
A presenza do teatro galego conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura. O festival Platta é unha organización formada pola Federación Galega de Teatro Afeccionado, Fegatea, a Federación de grupos aficionados de teatro de Castilla e León, a TEIA-Teatro em iniciativa associativa do norte de Portugal e a Revista Galega de Teatro (RTG).
Na Federación Galega de Teatro Afeccionado hai 53 agrupacións teatrais representativas das catro provincias galegas, o que constitúe a maior organización teatral organizada de Galicia e amosa o interese dos grupos galegos en traballar de xeito coordinado. Teñen unha programación estable de actividades formativas, de intercambio, mostras e festivais de teatro e, nos últimos tempos, traballan en lograr un novo obxectivo, poñer en valor o teatro amador galego no resto do estado e mesmo no país veciño, en Portugal, a través desta plataforma, Platta.