Os nomes dos proxectos e profesionais finalistas nas 25 categorías da XIX edición dos Premios Mestre Mateo foron anunciados por Marta Doviro e Amador Arias. A primeira rolda de votacións dos membros da Academia Galega do Audiovisual sitúa a longametraxe de Alfonso Zarauza Ons como a máis votada entre as 146 obras que se presentaron aos Mestre Mateo, acaparando trece candidaturas finalistas, seguida por A illa das mentiras, dirixida por Paula Cons con doce. As dúas competirán polas estatuíñas a mellor longametraxe, dirección, dirección de arte, guión, interpretación protagonista e de reparto, dirección de produción, maquillaxe e perruquería e montaxe.
As oito candidaturas de El desorden que dejas e seis de Néboa, dan boa conta do estado de saúde da ficción seriada producida en Galicia; ámbalas dúas optarán ao premio á Mellor Serie de Televisión xunto con O Sabor das Margaridas finalista en tres categorías, e Auga Seca finalista en dúas.
A listaxe de obras con máis candidaturas finalistas complétano tres longametraxes: Arima, a ópera prima de Jaione Camborda, con sete, Lúa Vermella, dirixida por Lois Patiño con catro e 9 Fugas de Fon Cortizo, tamén con catro.
A gala dos Premios Mestre Mateo 2021 entregaranse o 10 de abril no Teatro Colón da Coruña co recoñecemento a 25 categoría, das que nove son de produción e 16, profesionais. A cita, que seguirá estritamente todos os protocolos sanitarios, será dirixida polo actor e director teatral Tito Asorey e presentada pola humorista Lucía Veiga.
Podes consultar todas as obras e profesionais finalistas da nova edición dos Premios Mestre Mateo facendo clic aquí.