‘Ons’, de Alfonso Zarauza, chegará aos cines o 18 de decembro

Publicidad

Dirixida por un dos cineastas máis sólidos do audiovisual galego, Alfonso Zarauza (Os Fenómenos, Encallados, Crebinsky) Ons está protagonizada por Antonio Durán "Morris" (Fariña), Melania Cruz (A esmorga, Dhogs), Xúlio Abonjo (Fariña, María y los demás), Marta Lado (Sicixia), Anaël Snoek, (Adoration), Diego Anido (Trote), Cris Iglesias (Eroski Paraíso) e Miguel de Lira (Los Hombres de Paco, Dhogs, A esmorga).

A película conta cun universo propio que envolve ao espectador e que está marcado polo carácter da illa de Ons, na ría de Pontevedra. Unha illa que forma parte do enclave das Illas Atlánticas e na que só viven 9 persoas, a pesar das visitas dos múltiples turistas que recibe no verán.

"Quería facer unha película que falase da necesidade e a escaseza. Neste caso da necesidade de amor, de seguridade emocional, de maternidade e de desexo, pero tamén da escaseza de todo iso". "Ons non é un thriller, é unha película con misterio" di o seu director, Alfonso Zarauza.

Sinopse

Tras unha profunda depresión pola morte do seu amante nun accidente de coche, o doutor Vicente (Antonio Durán, "Morris") chega xunto á súa esposa Mariña (Melania Cruz) a unha remota illa do atlántico, co obxectivo de pasar o verán, curar a súa enfermidade e recuperar o seu matrimonio.

A vida na solitaria illa séntalle ben a Vicente, que lle pide á súa muller prolongar a súa estancia e pasar o outono. Cada día vaise sentindo mellor, ata que tras un naufraxio no medio dun temporal, unha misteriosa e amnésica muller aparece na illa e irrompe nas súas vidas. A partir dese momento xa nada volverá ser o que era.

Ons en festivais

Despois do seu paso polo Festival de Cine de Sevilla e antes da súa estrea en salas, o filme continuará co seu percorrido por festivais como Cineuropa (este domingo 22 de novembro, no que o director recollerá tamén un dos premios honoríficos desta edición) ou Márgenes (cunha proxección o 28 de novembro na Cineteca de Madrid). Alén disto, o próximo 27 de novembro a Culturgal tamén contará na súa programación cun evento especial no que, antes da súa proxección, integrantes do equipo presentarán o filme e se contará coa música en directo de Chicharrón. O trío de Carballo achega á banda sonora de Ons o tema “Na cela”, que adapta un poema de Antía Otero, e prevé acompañar o filme nalgunhas das presentacións previstas de cara á estrea do 18 de decembro en salas comerciais.

https://www.youtube.com/watch?v=3A4euPrpZQU

Salir de la versión móvil