Os filmes "Ons" e "A illa das mentiras", grandes vencedores dos Mestre Mateo

Publicidad

A XIX edición dos Premios Mestre Mateo erixiu a Ons como a película do ano en Galicia. A Academia Galega do Audiovisual entregou os seus premios este pasado sábado nunha gala celebrada no Teatro Colón da Coruña na que o filme de Alfonso Zarauza gañou en nove das categorías pola que optaba a premio, entre eles o de mellor longametraxe.

A Illa das mentiras, dirixida por Paula Cons, outra das favoritas, obtivo cinco galardóns, mentres que Nación, de Nós Produtora Cinematográfica Galega e TVG, foi elixida como mellor documental, Néboa, de RTVE e Voz Audiovisual, levouse o premio a mellor serie de televisión e Cinephilia, de Noveolas Producciones e Telemiño, a mellor programa.

Desde o mar, de Juan Galiñanes e Kaito Estudios, foi distinguido co premio a mellor anuncio publicitario, Muinheira de Interior, de Xaime Miranda, co de mellor videoclip, e Carne de Abano Producións e Xoves de comadres, de Islandia Producciones, gañaron cadanseu galrdón a mellor curtametraxe de animación e imaxe real. Xan, de Lucía Estévez e Miguel Canalejo foi distinguida como Mellor Serie Web.

Na Gala celebrada a pasada noite no Teatro Colón Ons, que partía con 13 candidaturas, conquistou os galardóns á mellor longametraxe, mellor dirección de fotografía (Alberte Branco), mellor dirección de producción (Tamara Soto), mellor guión (Alfonso Zarauza e Jaione Camborda), mellor interpretación feminina de reparto (Marta Lado), mellor interpreteación feminina protagonista (Melania Cruz), mellor interpretación masculina protagonista (Antonio Durán “Morris”), mellor montaxe (Fernando Alfonsín) e mellor son (Sérgio Silva e David Machado).

Pola súa parte, A Illa das mentiras, a outra grande vencedora, fíxose con 5 galardóns, dos 12 aos que optaba: mellor dirección para Paula Cons, interpretación masculina de reparto para Milo Taboada, dirección de arte para Antonio Pereira, maquillaxe e perruquería para Raquel Fidalgo e Patricia Vilela e vestiario para Eva Camino.

O resto de premiados da noite foron Rodrigo Vázquez, mellor comunicador co programa Quen anda aí?; Marcos Estebo, Diego Guerrero e Mónica Ares mellor realización por Cos pés na terra e a Orquestra Fugaz de Improvisación mellor música orixinal pola banda sonora de 9 Fugas.

Ademais de premiar a producións e profesionais, a Academia Galega do Audiovisual premia cada ano a traxectoria de profesionais cuxa traxectoria resulte relevante para o sector. O actor, dramaturgo, director teatral, tradutor e docente Manuel Lourenzo recibiu o premio de honra Fernando Rey en recoñecemento á súa extensa e prolífica traxectoria e á súa ireemplazable contribución á cultura galega. Nacido no 1943 en Ferreira do Valadouro (Lugo) desde principios dos anos sesenta ven desenvolvendo unha intensa actividade como actor, dramaturgo, director teatral, conferenciante, tradutor e dinamizador de diferentes iniciativas culturais.

A presentadora do espectáculo, Lucía Veiga, estivo acompañada no escenario do Teatro Colón por De Vacas, que puxeron a música en directo, e por diversas personalidades da pequena e gran pantalla, que se encargaron de anunciar as candidaturas gañadoras: Bárbara Grandío, Diego Viaño, Esther Estévez, Iria Sobrado, Isabel Blanco, Luis Iglesia, Marta Larralde, Miguel de Lira, Pilar García Rego, Susana López, Susana Sampedro e Xosé Barato.

Salir de la versión móvil