Os Martín Códax da Música deixan cinco premios en Vigo e a súa área

Publicidad

A V edición dos Premios Martín Códax da Música, iniciativa de Músicos ao Vivo, desvelou na noite deste mércores, 9 de maio, o seu segredo mellor gardado. O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu unha gala na que Galicia celebrou o mellor da súa música e na que se puxo en valor a potencialidade do sector.

En total, os músicos de Vigo e a súa área metropolitana optaban a premio en oito das 18 categorías que compoñían esta edición, o que reflexa a puxanza de toda a bisbarra na industria musical galega.

A gala, conducida polo actor Carlos Blanco e o debuxante Luis Davila, comezou ben entradas as nove da noite dando o primeiro agasallo para Vigo. A formación de jazz Yago Vázquez Trío, liderada polo excepcional músico afincado en Nova York, levou o primeiro premio da noite.


Pode interesarche: Yago Vázquez, a vida dun pianista vigués en Nova York


O seguinte premio para a cidade chegou da man de IGMIG e o seu traballo “Ai que lío”. A banda triunfou nesta edición na categoría de rock na que competía coa tamén viguesa Moon Cresta.

Outro melómano pararía algo máis tarde na cidade da man de Eladio y los Seres Queridos que venceron na categoría pop co seu "Cantares". Pola súa parte, Salceda de Caselas tamén estivo representada noutra das categorías na que contábamos con dobre presenza metropolitana. O salcedense Roberto Oliveira levou finalmente o premio en música clásica e contemporánea grazas á súa innovadora “explosión de sensacións” na que transforma a música contemporánea nunha adaptación á percusión, electrónica e arte visual sincronizada.

Por último, o derradeiro dos premios da nosa bisbarra rematou en mans dunha das voces máis importantes da Galicia dos nosos días. A mosense Uxía, que non puido acudir a gala, suma un novo premio tras facerse a comezos de ano co galardón ao Mellor Álbum en Galego nos Premios MIN 2018 da Música Independente co seu último disco, UXIA-O, dedicado ao poeta Uxío Novoneyra.

Na parte amarga, desta edición quedaron sen premio outros tres grupos metropolitanos nomeados. É o caso de Cintaadhesiva, en electrónica, os mosenses The Turre’s Band en mestizaxe e os tudenses Best Boy en blues.

Salir de la versión móvil