O Salón de Congresos e Exposicións José Peña, en Cambados, foi o escenario este mércores 14 de setembro da festa de finalistas dos 9º Premios Martín Códax da Música. O intenso calendario da vendima motivou o cambio de ubicación este ano do encontro de finalistas que habitualmente se celebra nas Bodegas Martín Códax. A partir das seis e media da tarde foron coñecéndose os nomes das corenta e cinco bandas e artistas, tres por categoría, que pasan á recta final desta edición 2022. Ademais, tamén foron desvelados os nove proxectos finalistas nos tres Premios Organistrum: Salas, Festivais e Comunicación e Difusión Musical. Todos os finalistas recolleron un agasallo das Bodegas Martín Códax en recoñecemento da súa inclusión na fase final de votación.
A relación de proxectos finalistas dos Martín Códax ofrecen unha ampla perspectiva do panorama musical galego na actualidade. Na categoría de Pop e Indie os artistas seleccionados son De Vacas, Anxo Araujo e Néboa; en Rock, Familia Caamagno, Moura e Bala e en Blues, Funk e Soul, Nastasia Zürcher, Udra e O Cadelo Lunático. As tres propostas finalistas en Canción de Autor/a son Antía Muíño, Xóan Curiel e Sofía Espiñeira, mentres que en Músicas Urbanas son Rebeliom do Inframundo, O Rabelo e Ilmarto. Grande Amore, Garza e Hilario Rodeiro recibiron o seu agasallo como finalistas da categoría de Electrónica e, no caso do Metal, os afortunados foron os grupos Arrhythmia, Grima e Teima.
No apartado de Música Clásica e Contemporánea son finalistas 2022 Samudra Trío, Katerina Linke e Fernando Abreu; en Jazz e Músicas Improvisadas, Xosé Miguélez 4tet, Orquestra Galega de Liberación e Valentín Caamaño. Na categoría de Músicas do Mundo e Mestizaxe, resultado de fusionar as dúas existentes nas edicións previas dos premios, chegan á final dos mesmos, Catuxa Salom, Nebra e Sheila Patricia. En Música Tradicional, Airiños da Freba, Cántigas e Frores, e Os da Porfía foron os nomeados na tarde do mércores 14, e en Folk foi a quenda de Cuarteto Caramuxo, Oîma e Os d’Abaixo. Mamá Cabra, Pitusa Semifusa e Martiña Soñadora son os proxectos musicais dirixidos aos públicos noviños que resultaron finalistas na categoría Infantil; mentres que en Orquestras, Grupos e Música de Verbena a triada finalista é La Oca Band, Bicoia e América de Vigo, e en Bandas de Música Popular, a Banda Unión Musical de Meaño, a Banda de Música Cultural de Salceda e A Banda de Lombás.
Os Premios Organistrum, que recuperaban nesta novena edición o seu proceder habitual tras a pandemia, tamén tiveron en Cambados anuncio de finalistas. Na categoría de salas, A Arca da Noe (Vilar de Santos), Sala Karma (Pontevedra) e Sala Rebullón (Mos); na de festivais, Festival de Ortigueira, Canteira Fest (Vilaboa) e Canjazz (Cangas). Os Espazos de Comunicación Musical que chegan á final dos premios son Ondas Indies (Radio Galega), A Xente de Teo e Descúbreas.
Case 400 candidaturas musicais
O pasado 3 de setembro finalizaba a reunión e votacións do xurado dos Premios Martín Códax da Música 2022, de onde saíu a selección de proxectos finalistas que hoxe se presentaron. Ademais o xurado encargouse de seleccionar o premio Artista Emerxente, unha das novidades en canto a categorías extraordinarias que se darán a coñecer na propia gala deste ano. Como explicou a presidenta da entidade, Xiana Lastra, durante a festa de finalistas, preto de catrocentros proxectos presentáronse a esta novena edición dos premios. Lastra tivo un efusivo agradecemento para as Bodegas Martín Códax, os patrocinadores institucionais e o xurado.
Finalistas por categoría
- Pop e Indie: De Vacas, Anxo Araujo, Néboa
- Rock: Familia Caamagno, Moura, Bala
- Canción de Autor/a: Antía Muíño, Xóan Curiel, Sofía Espiñeira
- Músicas Urbanas: Rebeliom do Inframundo, O Rabelo, Ilmarto
- Blues, Funk e Soul: Nastasia Zürcher, Udra, O Cadelo Lunático
- Electrónica: Grande Amore, Garza, Hilario Rodeiro
- Metal: Arrhythmia, Grima, Teima
- Música Clásica e Contemporánea: Samudra Trío, Katerina Linke, Fernando Abreu
- Jazz e Músicas Improvisadas: Xosé Miguélez 4tet, Orquestra Galega de Liberación, Valentín Caamaño
- Músicas do Mundo e Mestizaxe: Catuxa Salom, Nebra, Sheila Patricia
- Música Tradicional: Airiños da Freba, Cántigas e Frores, Os da Porfía
- Folk: Cuarteto Caramuxo, Oîma , Os d’Abaixo
- Música Infantil: Mamá Cabra, Pitusa Semifusa, Martiña Soñadora
- Orquestras, Grupos e Música de Verbena: La Oca Band, Bicoia, América de Vigo
- Bandas de Música Popular: Banda Unión Musical de Meaño, Banda de Música Cultural de Salceda, A Banda de Lombás
Finalistas Organistrum:
- Salas: A Arca da Noe, Sala Karma, Sala Rebullón
- Festivais: Festival de Ortigueira, Canteira Fest, Canjazz
- Espazos de Comunicación: Ondas Indies (Radio Galega), A Xente de Teo, Descúbreas