O goberno de Ponteareas presentou a cuarta edición da Feira do Libro que terá lugar dende o xoves día 9 na Praza Maior, organizada entre o Concello de Ponteareas e a Federación de Libreiros e Editores de Galicia co apoio da Deputación de Pontevedra, Xacobeo 2021 e Xunta de Galicia. A feira abrirá as súas casetas ás 18:00 horas do xoves e ficará aberta ata o domingo, día 12, e contará coa presenza de algúns dos e das autoras máis destacadas do panorama literario galego contemporáneo. Este ano haberá un total de cinco casetas participantes.
O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, salientaron a importancia de retomar a axenda de actos culturais sempre adaptados ás esixencias sanitarias e ás normativas actuais pero mantendo unha ampla oferta de calidade. Para o goberno de Ponteareas a cultura máis ca nunca é necesaria para acompañar e mellorar o día a día das persoas. Iniciativa que ademais da súa importancia cultural favorece a actividade do comercio e da hostalaría.
Nani Regueira, da Federación de Libreiros, salienta que a celebración da feira é un esforzo pero sobre todo “un esforzo seguro froito de contemplar todas as normativas vixentes e das ganas de todo o sector de facerse visible e volver estar máis preto dos e das lectoras sabendo a importancia vital que tiveron estes meses de confinamento nos que a lectura foi un compañeiro de viaxe”.
A feira do libro preséntase este ano baixo o lema “Non contaxian pero enganchan” e así o demostraron os libros que foron os grandes aliados nos tempos de corentena. As librarías Pedreira, Ledo, Terra, Cortizas e Milfollas ofrecerán nos seus stands descontos do 10 % en tódolos libros.
O concelleiro de Cultura adianta que o responsable do pregón inicial será o escritor e ensaísta Clodio González que se encargará da apertura oficial da feira a partir das 20:00 horas do día 9. Previamente, ás 18 horas Anémona del Río asinará A proba de auga. A continuación, ás 19;00 horas Manuel Portas asinará Cadencias e despois do pregón Francisco Castro asinará Tantos anos de silencio.
O venres día 10 a feira abrirá de 13:00 a 21:00 horas coa seguinte programación: ás 13:00 horas Juan J. Prieto asinará a súa obra autoeditada La Sonrisa Eterna e ás 18:00 horas Manel Monteagudo asinará Camiño á lagoa dos bardos. Ás 19:00 horas César Lorenzo e Jorge Campos asinarán Atlas de Galicia Pequeniña e ás 20:00 horas será o turno de Pablo Prado con O derradeiro libro de Emma Olsen. A escritora e editora ponteareá Susana Lamela estará asinando a súa obra Invisibles ás 21:00 horas.
O sábado día 11 ás 18:00 horas Carlos da Aira asinará e presentará A guerra era contra nós e unha hora despois Nazaret López estará con Formigas nos pé. Ás 20:00 horas Isabel Blanco asinará o seu libro La muerte de Marilyn y otros relatos. Ás 21:00 horas o coñecido fotógrafo Xurxo Lobato asinará a súa obra Galicia é unha festa.
O domingo día 12 Elisabeth Oliveira será a encargada de comezar os actos ás 18:00 horas coa sinatura da súa obra Náufragos no mar e na terra da editorial Urutau. Ás 19:00 horas Roi Vidal asina As máscaras brancas e ás 20:00 horas Inma López Silva con O libro da filla. O escritor Manrique Fernández pechará a feira do libro coa sinatura do seu último libro Os anxos indecisos. Tamén enmarcada na Feira do Libro terá lugar a presentación da versión teatralizada do libro de Alfonso Pexegueiro Illa das Mulleres Loucas, editado polo Concello de Ponteareas. Será o día 11 no auditorio municipal de Ponteareas.