Rebeliom do Inframundo presenta "Esparta", o primeiro adianto de "Amor ou barbarie"

Publicidad

O esperado novo traballo de Rebeliom do Inframundo está a piques de saír á rúa e para ir quentando motores a banda de hip-hop presenta "Esparta", un dos temas que forman parte de "Amor ou barbarie", o seu novo traballo discográfico, que se publicará no mes de febreiro e será presentado nunha mini xira de primavera que recala únicamente en tres cidades: Barcelona (18 de marzo), Vigo (22 de abril) e Santiago de Compostela (6 de maio). As entradas para os concertos xa están á venda a través de Entradium.

O de Rebeliom é un dos traballos máis esperados do 2023, despois do éxito acadado con ‘Ilegal’ publicado no 2019 e co que estiveron xirando ata outubro deste 2022 cun fin de xira por todo o alto no Murallón de Son en Bandeira. Logrou tamén o Premio Martín Códax 2022 na categoría de músicas urbanas. O grupo das Rías Baixas formado por Nervo, Malvares de Moscoso e Frank como vocalistas, DJ Pol aos pratos e o produtor Movementss sobre os EFX no directo, volve disposto a sorprender cun traballo no que experimentan con novos sons e que están seguros será un punto de inflexión na súa carreira.

"Amor ou barbarie" preséntase como un antes e despois na Rebeliom do Inframundo. A banda acostuma a non repetir ningunha fórmula e facer sempre o que queren a nivel artístico. Un disco cheo de forza, amor, rabia, paixón e crítica. Ritmos de todas as cores e letras punzantes que prometen non deixar a ningún corazón sen latexo.

O grupo comezou a súa traxectoria no ano 2005. O seu nome provén do lugar onde se xuntaban (Inframundo) en Ponteareas. Inicialmente a banda comezou con tres compañeiros desa vila que se xuntaron para facer música, segundo eles nacida da raiba e a frustración, eses primeiros membros eran Nervo (MC), Rustiko (MC) e Rapu (DJ). Anos despois editaron a maqueta ‘Rebeliom do Inframundo’ (2009) e o seu primeiro disco físico ‘A Sorpresa’ (LP, 2012). Despois deste traballo, o grupo parou a súa actividade e DJ Rapu deixou a banda.

Tempo despois fíxose pública a volta de Rebeliom do Inframundo cunha nova formación, á banda incorporáronse Malvares de Moscoso, antigo membro da banda de rap galega Os Trasnos de Moscoso, o MC vigués Frank, pertencente ao colectivo Verso Libre, un novo produtor musical Movementss e o mando dos pratos un novo DJ, Ichi. Xuntos deron forma ao que sería o novo traballo da banda, "Lume e Rebeliom" presentado en abril de 2016 en Vigo.

A comezos de 2019 sae o seu novo LP, "Ilegal", autoeditado xunto á produtora viguesa Galunk Producións. O grupo entraría nunha nova etapa como banda, coa inclusión de Movementss nos seus directos e o cambio de DJ, entrando DJ Pol a formar parte da formación oficial do grupo. Rebeliom do Inframundo é a día de hoxe un dos máximos expoñentes de rap galego a nivel estatal. Os seus directos son unha explosión na que combinan hip-hop, electrónica, folk tradicional e punk e co que non deixan indiferente a ninguén.

Salir de la versión móvil