A Roda celebra cun novo disco o seu 40 aniversario como locomotora musical de Galicia

Publicidad

Naceu a finais dos 70, cando todo estaba por mudar, aínda coa resaca do maior conflito laboral da historia de Vigo e nun novo réxime que deixaba atrás ao franquismo. Era o ano 1977 cando un grupo de amigos que se reunía nas tabernas de Teis nunha celebración espontánea da cultura galega decidía pasar á oficialidade. Nacía A Roda.

Entón, o grupo fundador o formaban os irmáns Luis e Suso Vaamonde, José Luis Abalde e Pituco Abalde, Manuel Piña, Keno Cabrera, e os irmáns Luis e Adolfo Domínguez “Fito”. Hoxe, 40 anos despois, conforman a Roda Xan Barcón, David Cabaleiro, Alfredo Dourado, Christian García, Alex Nores e Manoele de Felisa.

A formación, que gravou o seu primeiro LP  nunha unidade móbil que se atopaba en Galicia, converteuse nun supervendas e é aínda hoxe un dos clásicos da música galega; con el gañaron o favor do público e conseguiron o Premio da Crítica Galega. A partir dese momento, centos de concertos, tanto en Galicia como fóra, nomeadamente na emigración, numerosos premios e dezasete discos máis avalan a traxectoria dun dos grupos en activo máis comprometidos coa lingua galega.

Presentación esta mañá do novo disco

Neste ano que comeza, 2018, a formación conmemora 40 anos desde a súa fundación, toda unha vida dedicada a promover e difundir a música galega e o noso patrimonio cultural inmaterial, a través da chamada “música de raíz”, un expoñente da música popular galega, da música de taberna e un dos grupos máis antigos (aínda en activo) e coñecidos.

Nace así “A Roda live / A Roda ao vivo en Ortigueira”, o seu novo disco no que a banda se consolida no eido do etno-folk e conmemora os seus corenta anos, na que é a primeira gravación en directo editada en formato cedé que proximamente se completará con vídeo. Recompila dezaseis éxitos d'A Roda entre os que podemos atopar os míticos O gato, O andar miudiño ou o Pousa, pousa, xunto a outra serie de temas inéditos (varios compostos pola banda) e dous bonus track, 40 anos máis e Os cabaleiros d’A Roda, inéditos e compostos especialmente para a ocasión.

O repertorio viaxa do eclecticismo deste folk-rock, en temas como Alalá do Mariñeiro, ata á tradición galega con Pandeirada de Mens, pasando pola balada pop en Terras labregas, o folk instrumental en Jota da seisada e rematando na máis universal e coñecida Rianxeira.

Salir de la versión móvil