"Rompente", "Tatuado nos ollos levamos o pouso" e "As pétalas murmuran" triunfan en Cans

Publicidad

O Festival de Cans baixou o pano este sábado coa Gala de entrega dos Premios da súa XIX edición. Rompente, de Eloy Domínguez, en ficción, Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo, en Furacáns e As pétalas murmuran, de Arantxa Ramos, en Novas Camadas, fixéronse co Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe.

O realizador do Salnés, Eloy Domínguez, que o ano pasado levantou o can de pedra por Os Corpos na sección Furacáns, de curtas de non ficción, triunfou este ano na de Ficción con Rompente. O xurado destacou a capacidade de enunciar unha realidade desde a limpeza da mirada desta obra, que vén de recibir tamén o premio á mellor curta no Festival de Málaga. Rodada en diferentes localizacións da Costa da Morte, a película relata a historia dunha parella adolescente cun bebé, que loita por saír adiante. Protagonizada por dous mozos da zona non profesionais da interpretación, Sergio Valeirón igual que o seu personaxe na ficción tamén é bateeiro.

Diana Toucedo, galega residente en Barcelona e directora da premiada longametraxe Trinta Lumes, conseguiu o premio para a súa curtametraxe Tatuado nos ollos levamos o Pouso. Esta curta, que retrata o traballo das mariscadoras de Cesantes, á beira da illa de San Simón, foi valorada "pola cadencia das imaxes e o ritmo que imprime o deseño sonoro, aportando unha visión singular e poética sobre o traballo das mariscadoras".

As pétalas murmuran foi a curta vencedora na sección Novas Camadas, de realizadores e realizadoras que realizan a súa primeira obra e teñen menos de 25 anos. A súa directora, Arantxa Ramos, fixo este documental como un traballo de fin de grado da facultade de Comunicación da USC. O xurado salientou del a súa aproximación á memoria e o tratamento dos procesos migratorios.

Outros premios

Pola súa capacidade para estruturar unha proposta orixinal desde a converxencia de dúas miradas creativas, o xurado outorgou o premio á Mellor DirecciónLois Patiño e Matías Piñeiro por Sycorax.

O recoñecido actor de Vigo, Santi Prego, fíxose co galardón ao Mellor Actor "pola riqueza e variedade de rexistros que van da comedia ao drama", en Devoradora de nenos. O da Mellor Actriz recaeu en Violeta Gil, Andrea na curta de Ángel Santos Así vendrá la noche. O xurado destacou a súa capacidade para dar solidez e soster a película a partir do monólogo.

Outros dos premiados desta noite foron a BSO de Sauerdogs, composta pola gañadora dun Goya Zeltia Montes. A Mellor Fotografía recaeu en Mauro Herce, por Sycorax e o Mellor Guión levouno o realizador de Marín Ángel Santos pola "valentía e delicadeza da súa actualización do xénero epistolar".

Salir de la versión móvil