"Síbaris", a obra póstuma de Domingo Villar chegará a todas as librarías de Galicia este mércores 13 de setembro. Trátase dun libro que o autor deixou preparado para a súa publicación este ano e "será unha derradeira homenaxe a un dos nosos autores más queridos", aseguran dende a Editorial Galaxia.
Inma López Silva é a autora do limiar, que comeza recuperando unhas conversas de WhatsApp entre ela e Domingo Villar sobre a obra. O autor pedíalle que a lese e aclaraba que o único que buscaba era proporcionarlle ao público unhas horas de entretemento. "E abofé que o consegue. Quen se achegue a esta obra lerá unha historia chea de retranca, sabedoría e moita comicidade arredor da literatura e as teimas dos autores. Será, sen dúbida, un acontecemento literario", avanza a editorial.
A obra estrearase en Vigo o vindeiro día 30 de setembro co actor Carlos Blanco de protagonista; e gozará dunha xira por toda Galicia. Co fino sentido do humor que Domingo Villar destilaba, desfilan pola obra as filias e as fobias de moitas escritoras e escritores ao longo da súa carreira literaria e que teñen que ver cos medos, as inseguridades e as paranoias de todos aqueles e aquelas que se dedican a escribir. Trátase dunha reflexión aguda, cómica, ás veces despiadada mais sempre lúcida, arredor da literatura e todo o que a rodea.
Os seguidores do creador do detective Leo Caldas accederán aquí a un Domingo Villar poliédrico que era moito máis que un construtor de tramas policiais como xa quedara demostrado no delicado “Algúns contos completos” que a Editorial Galaxia publicou en 2021 e que tanto éxito de público e crítica alcanzou. Non existen dúbidas de que con esta achega ao mundo do teatro, Domingo Villar seguirá facendo o mesmo que fixo durante a súa corta mais fecunda vida: seducir lectoras e lectores para a literatura galega.