Susana Seivane presenta "FA", o seu novo traballo

Publicidad

FA é o novo traballo de Susana Seivane tras oito anos de silencio discográfico, un longo período que lle serviu de inspiración para a composición do seu quinto álbum. FA (Fiz e Antón) é unha profunda introspección no eido da maternidade, os convencionalismos, a familia e a plenitude persoal.

Sen perde-la súa esencia definitoria, Seivane explora novos ritmos imprimindo modernidade na tradición e erixíndose como unha das máis virtuosas gaiteiras de tódolos tempos.

Con temáticas universais como o amor superlativo, o medo, a inseguridade ou a felicidade absoluta, Seivane constrúe unha paisaxe sonora sen esquecer as súas raíces dotándoa de novos matices froito da súa madurez como compositora e instrumentista.

'Fa' está composto por 12 temas dos cales destaca o seu primeiro extracto 'Papá Pum Pum' un canto á alegría vital e á supremacía dos pequenos momentos; é o exemplo perfecto do espíritu de 'Fa' o disco máis persoal ata agora de Susana Seivane.

'Fa' sae hoxe, tanto na súa edición fisica, como nas plataformas dixitais habituais.

O novo traballo de Susana Seivane chegará o 22 de setembro a Ponteareas e o 16 de novembro a Vigo. No caso da urbe galega, a artista ofrecerá un concerto no Auditorio Municipal de Vigo, unha cita que é unha das máis destacadas da programación de Vigocultura 2018.

Salir de la versión móvil